O mercado ambulante regresa este sábado a Pontevedra con estritas medidas de seguridade

O Concello elaborou un plano e pintará o chan do Paseo Rafael Areses para delimitar a instalación, garantindo unha distancia
Yoya Blanco. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Yoya Blanco. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A creación de carrís diferenciados de dirección única cun valado separador, a colocación de dispensadores de xel hidroalcohólico na zona de acceso, o control de aforo con vixiantes de seguridade e Policía Local, a ampliación da superficie de montaxe e o tránsito unidireccional dos clientes son algunhas das estritas medidas coas que o mercado ambulante regresará este sábado 16 de maio ao Paseo Rafael Areses e o contorno do Parque Rosalía de Castro.

A Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra elaborou un mapa que redistribúe o espazo, establecendo unha distancia mínima de 3,5 metros de separación entre postos (de 6 metros con respecto aos situados en fronte) e garantindo que, mesmo no caso de que se instalen a totalidade dos 56 postos que dispoñen de licencia, existan en todo momento as condicións de seguridade pautadas polas autoridades sanitarias.

O departamento que dirixe Yoya Blanco elaborou guías sobre medidas hixiénicas e cartelería de distanciamento, que serán perfectamente visibles para feirantes e clientes, ao tempo que contratou á empresa Reformas y Servicios Núñez para realizar o pintado de delimitación no chan de Rafael Areses e Rosalía de Castro. A montaxe dos postos levarase a cabo entre as 7.00 e as 9.00 horas, baixo atenta vixilancia, tódolos ambulantes deberán atender ao público con mascarillas e estableceranse dous carrís unidireccionais separados por valos en Rafael Areses (a distancia de seis metros permite xeralos).

Por outra banda, quedará prohibido o estacionamento na explanada do Recinto Feiral, o que xa se advertiu á cidadanía mediante a colocación de carteis informativos neste contorno.

Tal e como aclara a concelleira de Promoción Económica, “a reanudación da actividade do mercado ambulante cumprirá estritamente coas medidas de hixiene e seguridade recollidas na Orde SND/399/2020, de 9 de maio” e os protocolos “foron coordinados coa Policía Local e contan co visto bo da Xunta Galicia (a propia Administración autonómica solicitounos)”.

Comentarios