Foi o pasado 15 de marzo cando Alfonso Díaz, Foni (Ourense, 1962), coa xubilación aínda arrecendo a novo, colleu unha pequena maleta de man e emprendeu unha volta ao mundo que durante sete meses o levou por dezaoito países dos cinco continentes. En todos eles, este profesor de Ciencias Socias, residente en Pontevedra dende neno, fixo ondear a bandeira galega, a estreleira, non a oficial, de xeito que despregala en cada recuncho visitado, desde Singapur ata Uganda, pasando por Australia, Arxentina ou Costa Rica, converteuse no leitmotiv dunha viaxe única.
Malia que Foni contaba regresar a tempo para cumprir coa tradición de acompañar a súa nai no último baño dun verán xa en tempo de prórroga, desta volta non foi posible: o 15 de outubro, cando puxo os pés en Pontevedra, o tren das borrascas quecía motores. Mais a chuvia deste outono agrisado que xa cheira a inverno non é quen de atenuar a cor de tantas lembranzas, todas elas aínda moi vívidas. De feito, a piques de cumprirse un mes do seu regreso, as imaxes seguen rebulindo na súa cabeza e no seu corazón e, polo de agora, non é doado darlles acougo. De momento, Foni arroupounas con palabras nunha sorte de memoria de viaxe recollida aquí.
Desa viaxe e máis doutras que ten feito ao longo das últimas catro décadas ata sumar máis de cen países visitados tamén fala nunha conversa mantida no Diario de Pontevedra en compañía da súa filla, Xiana, que, herdeira do espírito viaxeiro do seu proxenitor, con tan só 26 anos, xa garda lembranzas de 38 países, moitos deles visitados cos seus pais de ben pequena. De feito, tamén foi partícipe desta última aventura de Foni, xa que, a finais de agosto, logo de case seis meses sen verse, pai e filla reuníronse en terras turcas para, xuntos, despregar a bandeira galega en Istambul. Nese reencontro en Turquía estivo tamén Carme, a muller de Foni, que alá por maio xa se desprazara ata Chile para compartir un mes de andainas polo continente americano ao tempo que abría unha paréntese na soidade do viaxeiro.
A conversa transcorre ao ritmo que impón a memoria, saltando entre países e continentes e tamén no tempo: do Foni neno, namorado das historias de Tintín, da natureza e dos animais salvaxes que daquela só podía ver no circo, ao Foni xubilado que, chegados os 60, preferiu "perder cartos pero comprar tempo", e das viaxes sen internet, nas que a soidade era "total", ás do século XXI nas que, nun planeta "conectado", se converte en "relativa". "No século pasado non sabías o que pasaba no resto do mundo, agora sabes ata o tempo que vai facer. Para ben ou para mal -di Foni-, internet acabou co romanticismo".

O romanticismo que non lle faltou na súa primeira viaxe fóra de Galicia: ás festas de San Fermín, en Pamplona, con 17 anos, en tren e sen pagar billete. "Era a época da transición, vimos que non era complicado colarse e a partir de aí estivemos como dous ou tres anos movéndonos pola península Ibérica dese xeito", conta.
Primeira viaxe longa. Con 23 anos e xa traballando de mestre comezou a cruzar fronteiras. "A miña primeira viaxe longa foi a Rusia no ano 85, cando aínda era a Unión Soviética. Fora unha viaxe organizada. Daquela había unha axencia que se chamaba Mundo Joven e viaxaba con ela", precisa Foni.
Á URSS seguiulle Exipto e logo a India, onde atopou "un grupo de cataláns que ían pola súa conta" e lle abriu os ollos sobre as vantaxes de viaxar por libre. Dende entón así o fixo sempre. "A Xiana con oito anos xa a levamos a Camboxa sen hotel reservado nin nada, simplemente o voo", lembra Foni. Non foi a única aventura de Xiana. "Por África estivo en Mozambique, Sudáfrica e Etiopía, que é un país duro. Os hoteis eran verdadeiras cloacas e só había unha ducha para todo o pobo. En Etiopía tamén estivo buscando elefantes, que son difíciles de ver, e pasamos un pouco de perigo subíndonos a árbores entre cactos cheos de pinchos ata que conseguimos velos. Tamén estivo pescando pirañas coa auga pola cintura no pantano do Mato Grosso (Brasil)", comenta ante a mirada atenta da filla.

Outra viaxe da que tamén gozou Xiana e que Foni recomenda transcorreu por terras estadounidenses: "Desde San Francisco fomos a Os Ánxeles, de aí a As Vegas, un sitio friki que, aínda que a xente pense que non, é barato, continuamos polo Gran Cañón, o Parque Natural Arches, que é xigantesco, logo o impresionante Yellowstone e, despois, volvimos por Yosemite ata San Francisco".
Top 3. De feito, ese destino está no "top 3" de Xiana, que reserva o primeiro lugar a Tailandia, país que xa visitou en cinco ocasións (seu pai en 11). "Pola xente, pola cultura, pola comida... Tailandia, xunto con algún país de arredor como Vietnam ou Camboxa, sempre vai ser o número un", destaca a moza, que sitúa en segundo lugar do seu ranking a Etiopía.

Para o pai non é doado escoller. "É difícil porque co tempo os países van cambiando -precisa-. Eu a primeira vez que fun a Kenia (foi catro veces) quedei abraiado. Non estaba masificado. Os masais non tiñan móbil. Aquilo era auténtico, impresionaba estar de noite sen luz. Lembro que unha vez vin un leopardo fóra da tenda de campaña. Por iso Kenia foi meu país preferido nun tempo, pero agora púxose moi de moda e masificouse. Logo tamén foi Etiopía. A primeira vez que fun (foi catro) impactoume moito. Non vimos un branco. As tribus eran impresionantes: ver tipos en pelotas altísimos, con pratos labiais, esas armas... Despois moita xente tiñamos a idea de que é un país seco e resulta que hai lagos de auga doce xigantescos. Hai zonas que hai castelos medievais e parece que estás en Escocia. Noutra parte hai igrexas monolíticas de pedra... Ten moitos contrastes. É un país fascinante. Tamén se puxo un pouco de moda e agora ten o problema de que está entrando China, pero segue sendo dos meus países preferidos", subliña Foni.
Xa coa memoria de volta a última aventura, na que foi "improvisando e resolvendo encrucilladas", a Foni tampouco lle é facil escoller nese "calidoscopio de imaxes" que aínda o acompaña. "Gustoume moito ver os canguros en Australia porque non tiña claro que os fose ver", comenta. Con máis tristura e rabia fala doutra imaxe difícil de esquecer: a dos nenos picando pedra nunha canteira en Uganda, "unha das traxedias do capitalismo salvaxe en África".
Máis doado lle resulta decantarse por un país se se fala de gastronomía. "Sen dúbida, onde mellor comín foi en Arxentina. Non é sitio para veganos", asevera entre risas. Na outra cara da moeda sitúa a Dubai, onde se alimentou a base de kebabs. "Estiven aloxado na parte onde están os inmigrantes de Pakistán, Bangladesh... Tampouco comía mal, pero é caro", aclara.
50 euros ao día. Con respecto a cuestión económica, Foni, que calcula que gastou unha media de 50 euros ao día, insiste en que "non fai falta ser millonario" para emprender unha viaxe como a súa. "Fai falta ter unha pensión digna, que é o que teño eu. En voos, que non foron sacados con moita antelación, creo que non pasei dos 4.000 euros. No tocante á hospedaxe, estiven en hostais e tamén en hostels, como foi o caso de Australia, Singapur ou Emiratos", apunta.

Malia a soidade, "relativa" pero soidade ao fin e ao cabo; o cansazo, froito de "longos e incómodos traxectos en autobús"; algunha que outra "situación absurda", coma cando chegou a Sofía (Bulgaria) con noite pecha e toda a información do seu hotel nun móbil a cuxa batería apenas lle quedaba "unha raíña", e a inquietude xerada por algunha mala nova familiar, a balanza non é quen de moverse do lado positivo. "Non é que fose un reto, pero estou satisfeito de ter feito esta viaxe", resume. "Ademais penso que ata agora ninguén fixera unha volta ao mundo coa bandeira galega", engade. Unha bandeira que suscitaba moitas preguntas e algunha anécdota. "Nunha mezquita en Dubai tiven que borrar as fotos porque non querían ningún tipo de símbolo", sinala.
Máis alá disto, nesta viaxe de Foni, que xa sabe o que é bañarse con caimáns no pantano do Mato Grosso ou que lle ameacen cun machete en Ghana, imperou a calma. "Utilizando o sentido común vas aprendendo certas cousas", subliña.

Por suposto, esta aventura de Foni non será a derradeira. Na súa cabeza xa asoma unha próxima viaxe a Irán. "Xa quixen ir desta vez pero por un tema burocrático non me concederon o visado. Ao mellor na primavera podería ser... De feito, estou animando a Xiana". E Xiana non di que non, malia que todo dependerá da súa situación laboral.
Ademais de plans, tamén hai soños. Os de Xiana pasan por Cuba, Filipinas ou Xordania. Os de Foni, pola Antártida, Groelandia ou Alasca. "É moi caro pero o tema da natureza chámame moito. Vin o oso grizzly e o oso negro, agora gustaríame ver o oso polar", conclúe.
Sete meses dan para moito, aínda que o ritmo era como di o aserto sen présa, mais sen pausa... Bos e malos momentos, cansazo, soidade, falar só, alguns perigos e moitos bos intres. Lembro a beleza das inmensas praias baleiras de Australia onde lles presentei a canguros e walabis a nosa bandeira, a manifestación en Durbam por Julián Assange, gocei de camiñar cos pés cara arriba e a testa cara abaixo en Nova Zelandia, o longo voo cara a Chile, renderlle tributo a Salvador Allende diante de La Moneda, constatar o descontento social co goberno socialdemócrata de Borig que está abrindo o paso ao descontento social e ao pinochetismo, os salares de Iquique de Quilapayun, a escola Santa María da cantata... xa no Perú, o Machu Picchu, visitado por terceira vez, agardo non sexa a derradeira, a llama que comezou, cando me despistei, rillar a bandeira, deixando un cuspe verde na súa brancura, pensada por min inaccésibel... o doente Perú de xentes de pel de pergameo, curtida polo sol e as alturas de cóndor, que dende a colonización seguen a loitar contra os monstros, agora encarnados na usurpadora presidenta Dina Boluarte, que ten preso ao lexítimo presidente Castillo...
Logo, un encrucillado, cara onde seguir? A resposta foi o Paraguai do Chaco e os guaranís, para axiña chegar ás Fervezas do Iguazú, tamén outras veces visitadas, nunca cansa ese agasallo da natureza. A quinta provincia galega, o país que pariu os deuses do fútbol foi unha cesura, un repouso no camiño, Carme que dende Chile me acompañou coñeceu deste xeito Bos Aires. Bos viños e moi boas carnes, porteños sempre acolledores, marrulleiros e loitador@s, participei de moitas marchas populares, todos os días pasaba algunha pola Avenida de Maio, eu adoitaba parar nos bohemios e encantadores cafés que hai alá, e perdía o cu para saír coa estreleira galega sumarme á marcha... Lembro con moito agarimo e emoción ter participado coas Nais da Avenida de Maio de tres marchas; sempre son as quintas feiras (xoves) diante da Casa Rosada... falei e fixen fotos coa bandeira galega á presidenta das Madres de Plaza de Mayo, a galega de Navia de Suarna, Carmen Arias, mulleres bravas, heroicas como as que tamén marchaban eses días, quechuas, indíxenas de Jujuy e o norte arxentino. O Centro Galego, o cuarto onde morreu o patriota Castelao, foi tamén visitado coa bandeira galega, que asemade me acompañou ao centro Galego de Montevideo... Outro encrucillado, deixo o frío inverno do sur cara á vizosa e tropical Centroamérica: Costa Rica e Panamá, garífunas afrocaribes, praias, e o coñazo do reguetón. Gustei de como atopei Nicaragua, estivera alí nos 90, agora percibín unha importante mellora na cualidade de vida da xente, imaxes do Che, Hugo Chávez, Ortega nas rúas, o volcán Masaia, activo, o seu ruxido séntese de lonxe, na noite ollas a boca do inferno... moi grata foi a visita a Granada, colonial, linda... Seguinte etapa, Colombia; visitara había moitos anos Leticia, cando baixara polo Amazonas dende Iquitos a Manaus, agora, Bogotá, os museos de Botero, as comunas de Medellín, a pegada de Pablo Escobar querido e odiado, a presenza da guerrilla, a sociedade fendida na súa permanente loita de clases... coñecín os poboados indixenas dos Wayuu países e unha bandeira no deserto da salgada Guajira e os arhuacos e Koguis da Santa Marta, pura selva virxe nos Caraibas. Outro encrucillado: como seguir a volta ao mundo? Mexico-USA? Cuba? Agradezo a visita da miña amiga Bárbara, que pasou uns días pola Colombia, persoas que nunha longa viaxe en soidade, son oasis humanos...
Decido deixar as Américas por Cuba, sempre presente, resistente, heroica nos fociños do imperio, sentín que as cousas nom van ben na illa, moita escaseza, esclerotización, penso, da revolución, agardo que o pobo cubano e o Partido, consigan vencer as artimañas que a reacción mundial lles tende, e, tamén, corrixir os erros cometidos. Deixo, preocupado Cuba. Bulgaria é a seguinte etapa, restos petrificados do socialismo, Lenin, Marx, Dimitrov agachados en agachados museos, malos tiempos para la lírica... Atinxo Estambul, reencontro con Xiana, a miña filha após case medio ano. Pasamos tres boas semanas pola cidade eterna grega, romana, bizantina, otomana... a Capadocia, Troia, a bandeira en míticos lugares... A viaxe ao redor do mundo encárase cara ao final: 10 días nos opulentos Emiratos, obscenidades, o edificio máis alto do mundo, a fonte máis grande do mundo, o anel con diamante máis grande do mundo, o rei mataelefantes máis canalha do mundo, e a bandeira, sudada, coas calores máis altas do mundo, 50 putos graos na rúa, pasei, con estibadores pobres de Bangladesh, mundo inmundo.
África, o noso berce, onde naceu a humanidade non podía faltar nunha volta ao mundo coa bandeira galega que se prece e se aprecie... Uganda, moi querida por min dende que a visitara no ano 94, logo varias veces visitada, o nacemento do gran río Nilo no lago Victoria, a súa incríbel natureza chea de vida salvaxe, as súas xentes, negras, pobres, soñadoras... Hei volver axiña a Uganda, que non se me vai da cabeza: safaris percorrendo os infindos horizontes das sabanas e florestas preñadas de fauna, pesadelos de meniños a traballar en canteiras picando pedra ou deitad@s nas rúas de Kampala. África, luminosa terra e corazón das tebras, que dixo Joseph Konrad, engánchate co seu mal de África tan humano, tan bo.
A viaxe rematou, segue na cabeza, no corazón... a bandeira, volveu, está na casa, á espreita de novos encrucillados, labirintos minotauricos que coa Galiza ten que resolver.