O mestrado en Social Media da UVigo cumpre un mes con éxito de matrícula

O máster que coordina Alberto Dafonte cubriu as súas prazas e creou unha gran expectativa no sector

Alberto Dafonte e Chechu Pérez, outro dos docentes, á dereita da imaxe co grupo de estudantes. CHRISTIAN FDEZ.
photo_camera Alberto Dafonte e Chechu Pérez, outro dos docentes, á dereita da imaxe co grupo de estudantes. CHRISTIAN FDEZ.

Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais é o nome do mestrado que vén de estrearse na Facultade de Ciencias Sociais. "Cubrimos as 25 prazas no primeiro prazo de matrícula, en xullo, e temos lista de agarda. A acollida foi estupenda", explica Alberto Dafonte, docente e coordinador desta iniciativa que cumpre o seu primeiro mes de actividade.

En canto ao perfil do estudantado, explica, "a maior parte vén de Comunicación Audiovisual (CAV) ou Publicidade, pero poucos son recén graduados. Hai xente con experiencia profesional ou que actualmente está traballando e que detectou esta lagoa formativa no seu curriculum. Nós ofrecémoslle unha solución". Esta é unha peculiaridade respecto a outros mestrados universitarios, copados por estudantes que acaban de graduarse, "xa que habitualmente o Plan Bolonia che mete na cabeza que tes que facer un máster nada máis acabar o grao".

Aos egresados de Publicidade, Xornalismo ou CAV, "que era basicamente o perfil que pediamos", súmanse os de Belas Artes e os do ámbito da empresa, "que tamén nos interesaban". Neste caso trátase dunha estudante ecuatoriana, "a única das tres solicitudes de estranxeiros que acabou culminando o proceso" de matrícula.

O interese foi tal que aínda seguen chegando consultas por se houbera vacantes

O obxectivo do título é formar a profesionais e dotalos das competencias propias de dous perfís claramente identificados dentro da industria TIC: Social Media Manager (responsable da creación, desenvolvemento, implantación e avaliación da estratexia de comunicación dunha empresa, produto ou institución en medios sociais) e Content Manager (responsable da creación dos contidos, en calquera formato, que unha empresa ou institución publicará en medios sociais, blogs ou webs: redacta textos, crea imaxes e vídeos optimizados para os distintos medios e soportes online. "O mercado laboral demanda xente capaz de cubrir moitas competencias profesionais e dentro do reducido que pode ser o ámbito da comunicación online existe moita diversidade".

O interese foi tal que aínda seguen chegando consultas por se houbera vacantes. "Nesta facultade xa tiñamos un gran volume de alumnado traballando no sector, é unha oportunidade de ofrecer unha formación especializada nun ámbito en crecemento. Agora é a referencia en Galicia para este tipo de estudos oficiais".

Comentarios