Mestres, os pontevedreses quérenvos

O Concello celebra unha homenaxe ao profesorado xubilado da cidade para poñer en valor o seu esforzo para formar ás futuras xeracións de cidadáns

Lores agradece o seu labor aos mestres e mestras xubilados xunto aos nenos do CEIP de Barcelos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Lores agradece o seu labor aos mestres e mestras xubilados xunto aos nenos do CEIP de Barcelos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Queremos dicirvos que a sociedade pontevedresa vos quere moito". Así recibiu o alcalde de Pontevedra aos mestres e mestras xubilados que este xoves participaron na homenaxe que lles rendeu o Concello de Pontevedra na Casa da Luz.

Ao encontro acudiron tamén os alumnos de 6º de Primaria do CEIP de Barcelos, que agradeceron aos seus ‘profes’ o traballo que levan a cabo día a día pola súa educación. Este foi o primeiro ano no que se leva a cabo esta actividade, que se celebrou con motivo da efeméride dos docentes, o pasado 30 de novembro.

"Parecíanos importante escenificar o agradecemento que toda a sociedade lle debe ter a todos os mestres que adicaron a súa vida á formación dos homes e das mulleres que hoxe estamos aquí", explicou a concelleira de Educación da cidade, Carmen Fouces, que engadiu que o recoñecemento era tamén "un acto de xustiza". A concelleira aproveitou para reivindicar a educación pública, "unha cuestión fundamental para nós porque é o que realmente nos dá potencia como sociedade e como pobo; sen o esforzo dos mestres seríamos unha sociedade invivible". Ademais, defendeu a militancia do profesorado á hora de formar ás novas xeracións.

"A vocación e a formación dos mestres é o que verdadeiramente está salvando a situación de retroceso administrativo e orzamentario no que levamos inmersos moitos anos", explicou Fouces. No mesmo sentido, Fernández Lores explicou que "o ensino é fundamental para formar persoas libres".

Tras a recepción do alcalde e máis da concelleira de Educación, os mestres homenaxeados tomaron uns pinchos na Casa da Luz acompañados dos alumnos de Barcelos que os acompañaron durante o acto.

 

Vicki Rodríguez, mestra xubilada: "Aínda que me xubilase o ano pasado aínda me considero mestra"
TRABALLOU como mestra en Lalín, na Armenteira e no CEIP San Martiño de Salcedo. Cunha traxectoria laboral de máis de 30 anos, xubilouse o ano pasado.

Como foi a súa experiencia como mestra?
A min gustábame moito dar clase, relacionarme cos nenos, cos pais e as nais, así como co resto do profesorado. Sempre estiven en colexios pequenos onde había moito traballo conxunto entre os profesores, con proxectos comúns, algo que me encantaba. Aínda que me xubilei, aínda me considero mestra.

Que importancia teñen os mestres?
Está mal que o diga eu, pero somos fundamentais porque estamos educando á xente do futuro.

E o seu labor ten o recoñecemento que debería?
Dende que eu empecei a traballar, en 1983, a figura do mestre foise deteriorando progresivamente. Dábasenos moita importancia e agora ocorre todo o contrario. Aínda que hai moita xente que si o fai, non é algo global. Actos como este melloran a situación, é unha forma de poñer en valor un traballo que non está recoñecido.