México tomará o Salón do Libro de Pontevedra

Máis de 60 actividades da programación están organizadas en colaboración co país latinoamericano, dende o que viaxarán 12 profesionais do sector literario
 

Presentación da programación mexicana do Salón do Libro de Pontevedra. GONZALO GARCÍA.
photo_camera Presentación da programación mexicana do Salón do Libro de Pontevedra. GONZALO GARCÍA.

Son máis de 60 as actividades que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra adicará ao que é o seu país convidado este ano, México. Anunciouno a concelleira de Cultura, Carme Fouces, que tamén avanzou que unha ducia de profesionais do sector literario, entre escritores, ilustradores e mediadores, virán con este motivo á capital da provincia. 

Á xa presentada exposición Pintacuentos, que acollerá o Museo, súmanse encontros con autores, obradoiros, un apartado gastronómico (no que participará o chef Rómulo Mendoza), a distribución de títulos mexicanos nas librerías da cidade, un intercambio de lecturas entre cativos galegos e do outro lado do Atlántico, un ciclo de conferencias, un espectáculo de contadores e distintas propostas culturais e de ocio por distintos puntos da cidade. Ademais, Fouces indicou que o espectáculo inaugural do Salón "estará inspirado nunha mestura das culturas galega e mexicana". Segundo a concelleira, "o obxectivo é abrir a nosa experiencia a grandes culturas do mundo, das que podemos beber, e confirmar que a nosa está á altura de calquera delas".

O Salón do libro de Pontevedra, ao que xa se apuntaron máis de 7.000 escolares, celebrarase do 6 ao 29 de abril.