Garrido: "Os mexillóns de Galicia son un dos produtos con máis controis sanitarios"

Das máis de 2.100 bateas que se estenden polas rías galegas, algo máis do 60% están integradas no Consello Regulador da D.O.P. Mexillón de Galicia; a maior parte delas nas rías da provincia de Pontevedra
Joaquín Garrido, Secretario Xeral do Consello Regulador da D.O.P. Mexillón de Galicia. CEDIDA
photo_camera Joaquín Garrido, Secretario Xeral do Consello Regulador da D.O.P. Mexillón de Galicia. CEDIDA

Os peches de polígonos bateeiros por presenza de biotoxinas adoitan ser habituais nesta época?
Si, non deixa de ser unha posibilidade como outra e nesta época non é sorprendente ter episodios de marea vermella. Con datos do mércores, estaban pechadas algo máis do 80% das bateas de Galicia e, polo que vemos nas análises, pode que o 20% restante tamén estea a piques de pechar, polo tanto é un episodio forte, pero dentro da normalidade. Non hai que esquecer que se trata dun fenómeno natural. As rías teñen un pulso, por así dicilo, e ese pulso proporciona a alimentación aos moluscos e aos demais seres que habitan no mar, pero hai momentos nos que, se non teñen a saída normal polo motivo que sexa, pódese ver afectado dando lugar a estes episodios de mareas vermellas. É a natureza en estado puro.

Estanse producindo actualmente máis episodios de marea vermella que os que había no pasado ou mantense a mesma dinámica de sempre?
Temos feito unha análise comparativa interesante na que vimos que o ano pasado tivemos un episodio de marea vermella a comezos de ano e iso si que foi diferente ás series históricas anteriores. Pero con respecto a se hai máis ou menos, estamos na mesma situación de sempre.

Que supoñen estes paróns para o sector desde un punto de vista económico?
O feito de que sexa un fenómeno natural implica que sabemos o que temos e como temos que traballar, pero iso non significa que este non sexa un parón que chega xustamente nun momento no que o mexillón está no seu punto óptimo para ser retirado das bateas e comercializado. Tendo en conta isto, se este episodio de peche ten unha duración excesivamente longa, iso pode afectar negativamente ao sector, porque sempre corremos o risco de que, se hai tormentas ou temporais, o mexillón polo seu peso poida desprenderse das cordas e perderse. Nós cruzamos os dedos e esperamos que este sexa un episodio coma tantos outros e que nun período curto de tempo poidamos ter abertos de novo os polígonos. O mexillón que non sae hoxe porque están os polígonos pechados por toxina, se esta remite e as analíticas dan ben, en tres días poderíase estar comercializando outra vez sen ningún problema.

O produto que está agora mesmo no mercado é con toda seguridade totalmente apto para o consumo

O mexillón que está no mercado, pódese consumir con todas as garantías?
Si. O mexillón de Galicia é un dos moluscos que teñen un maior control sanitario para acceso ao consumidor final. Os produtos que están agora mesmo no mercado teñen pasado moitísimos máis controis dos que podemos imaxinar e con toda seguridade son totalmente aptos para o consumo.

No caso da D.O.P. ‘Mexillón de Galicia’, teñen problemas de competencia desleal, é dicir, de venda fraudulenta de produto foráneo simulando ser galego, como padecen por exemplo sectores como o da ameixa?
Iso é algo contra o que combatimos. Traballamos para que o recoñecemento que ten o produto galego polo bo saber facer dos bateeiros, das empresas conserveiras, etcétera, teña un traslado ao consumidor final. Son de sobra coñecidas diversas accións que temos levado a cabo no pasado dende o Consello Regulador de cara á protección da marca e seguimos mantendo un control dos mercados todo o estrito que podemos. Realizamos toda a presión que podemos para que as cousas se fagan ben, porque iso redunda en confianza do consumidor final e en beneficio da xente que traballa este produto, que, en definitiva, é a que merece os parabéns.

Para iso hai uns etiquetados que son os que garantizan e certifican que se trata de Mexillón de Galicia, non?
Sempre. É un dos aspectos fundamentais. O consumidor ten que ter garantía do que está a comprar no seu punto de venda e que cando chegue á casa non se leve unha sorpresa. Cando é galego, leva o selo de mexillón de Galicia.

Galicia é unha grandísima potencia en produción de mexillón. Cantos dos bateeiros da comunidade autónoma están incluídos actualmente dentro do Consello Regulador?
Galicia é a segunda produtora mundial de mexillón para consumo humano, só por detrás de Chile. China é a primeira produtora, pero o seu mexillón non vai destinado a consumo humano. En Galicia hai algo máis de 2.100 bateas e a día de hoxe un pouco máis do 60% dese total están integradas no Consello Regulador. Nese sentido aínda nos queda traballo por facer para ampliar esa porcentaxe.

Cal é a produción anual media galega de mexillóns?
Uns 250 millóns de quilos.