O grupo Migallas cumpre 30 anos

A agrupación pontevedresa monta unha banda para celebrar tres décadas de existencia cunha xira ► Xaquín Xesteira, de Treixadura, tocará a gaita e o seu fillo Anxo, "motor do proxecto", o acordeón
Anxo Xesteira, Xaquín Xesteira, María Campos, Borja García, Isi Baúlo e Carlos Yus, de esquerda a dereita. MIGALLAS
photo_camera Anxo Xesteira, Xaquín Xesteira, María Campos, Borja García, Isi Baúlo e Carlos Yus, de esquerda a dereita. MIGALLAS

"Cando esteas aburrido/ e non saibas que facer/ colle un libro, meu amigo./ Todo pode suceder", cantaba Migallas hai 30 anos en O libro máxico. Varias xeracións de nenos e nenas galegos medraron escoitando o disco do que este tema formaba parte, Canta connosco!. Era o ano 1992 e apenas había material deste tipo para a cativada. "Daquela, á parte de nós, estaba Suso Vaamonde, con Os soños na gaiola, e Saraibas, que facía o concurso Cantareliña. Non había máis nada. Pensa que Mamá Cabra non apareceu ata cara o 2000", lembra Carlos Yus, fundador da compañía pontevedresa con María Campos. "Para nós é un orgullo que o proxecto siga vivo e que as cancións sigan funcionando".

Para festexar estes 30 anos enriba dos escenarios, Migallas sairá de xira. "Dixemos, hai que montar unha banda para xirar polo país adiante cun espectáculo no que cantemos cancións de Canta connosco! e de Pan de millo. E xa estamos ensaiando".

Para empezar, inscribíronse no Musigal, da Deputación de Pontevedra, así que os concellos da provincia xa poden solicitar que actúen neles a través deste programa. Para seguir, teñen previsto organizar unha xira pola súa conta.

Ademais de María Campos e Carlos Yus, da nova banda forman parte Xaquín Xesteira (gaita), Anxo Xesteira (acordeón), Borja García (contrabaixo) e Isi Baúlo (batería). "Para montar o grupo axudounos Anxo Xesteira, que xa viña colaborando con nós. É un músico extraordinario que traballa con Maravallada, con Treixadura, con Sondeseu... Case se podería dicir que foi o motor do proxecto. El chamou a Isi e nós contactamos con Borja a través de Pablo Vidal", explica Yus.

"Faltábanos gaiteiro ou gaiteira e o outro día díxonos que xa atopara un: o seu pai! Así que Xaquín Xesteira, fundador de Treixadura, vainos acompañar". E con isto péchase dalgunha maneira un círculo, "porque, segundo nos ten contado Anxo, el e o seu irmán, Roi, medraron escoitando as nosas cancións, as cancións de Migallas que agora toca".

Comentarios