"Fixemos de Pontevedra un referente sen maiores absolutas"

Fernández Lores fai balance dun ano marcado por catro citas electorais, a súa reelección e o regreso do BNG ó Parlamento español, así como por unha axenda ateigada de conferencias para explicar un modelo de cidade que xa é referente en medio mundo. "2020 será o ano no que Pontevedra acadará a excelencia", asegura o alcalde
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, vén de sumar ó seu discurso conceptos como humanización, peonalización e transporte a demanda. "Niso demostra que é intelixente", di Miguel Anxo Fernández Lores (Sanxenxo, 1954)  días despois de intervir no Cumio do Clima. A axenda do alcalde da Boa Vila recolle cada vez máis conferencias sobre  o seu modelo urbano. "Somos un referente. Pontevedra está no candeleiro, na punta de lanza dos movementos relacionados co medio ambiente, coa saúde. Iso nos obriga a estar atentos e a seguir nun nivel moi alto", subliña Lores. 

Que balance fai do ano que está a piques de rematar?  

A situación do Estado é mala porque non hai orzamentos, non hai goberno, hai unha falta de seriedade. Nós levamos seis mandatos e non sacamos maioría absoluta nunca e non só sacamos á cidade para adiante senón que logramos que Pontevedra sexa un referente. É un problema de falta de diálogo, de falta de negociación. A nivel de Estado está habendo unha situación de crispación excesiva que ten que ver con non recoñecer que España é un Estado plurinacional. Volvemos ó franquismo en certas cuestións. É certo que este ano houbo demasiadas eleccións, aínda que para nós  hai unha parte positiva que é que recuperamos a representación no Parlamento español. Para o BNG, para Galiza e para Pontevedra tamén é moi positivo para sacar adiante certos asuntos que están estancados. 

A outra parte deste balance é que revalidamos a Alcaldía e iso é positivo e ten que ver coa imaxe e o traballo feito por este grupo municipal durante os últimos anos que fai que a xente se sinta orgullosa do que acadamos entre todos. Revalidamos a confianza da maioría dos pontevedreses para seguir traballando. Estamos nun punto de partida excelente, no sentido de que somos unha referencia. Ás veces, sen embargo, non temos referentes para seguir avanzando. Temos que ser pioneiros en moitas cousas. Fomos pioneiros na reforma urbana, estamos sendo pioneiros no tratamento do lixo, tamén na concepción dun proxecto integral a respecto do medio ambiente e actuando en favor do planeta e contra o cambio climático, estamos sendo pioneiros no tema do transporte a demanda... 

"Pontevedra está no candeleiro, na punta de lanza dos movementos relacionados co medio ambiente"

E que balance fai do bipartito? 

Creo que é pronto para falar de resultados. Percibo un interés por facer cousas, estudar os temas, traballar cada un as súas áreas.  A miña percepción é que todos os concelleiros teñen ilusión e ganas de traballar. Haberá que esperar resultados. Por outra parte, temos unha cidadanía moi activa, incluso desde o punto de vista empresarial, hai un incremento e internacionalización das empresas, unha loita pola calidade, polo crecemento cara fóra... Temos exemplos espectaculares. Non é casualidade que nos inviten ó Cumio de Clima para falar de saúde e de mobilidade como exemplo de boas prácticas. A miña valoración é moi positiva. 

De feito, é a segunda vez que acode ó Cumio do clima. 

Como xa temos interiorizado que somos unha referencia parece que é máis do mesmo, pero cualitativamente a presencia é mayor. Eu acabo de vir de Torrelavega do foro ‘Besaya con futuro’. Cando se fala de modelo urbano nos chaman a nós. O noso modelo é transferible e eles queren aplicalo a cidades de Cantabria. No caso do Cumio do Clima, igual non son obxectivo, pero cando hai preguntas son para nós, somos o centro do debate en calquera foco no que esteamos falando de saúde pública, de mobilidade, de loita contra o cambio climático... O que vexo é que non se avanza o que se ten que avanzar no que respecta ás responsabilidades municipais. Nós temos uns datos espectaculares en canto a accidentes e tamén en contaminación. Se reducimos o fume e o ruído, se facemos unha cidade máis dinámica, a xente está máis feliz e a poboación aumenta pois ‘miel sobre hojuelas’. 

"O normal é que o interlocutor sexa a Administración competente e non manden recadeiros" 

Hai uns días falou co presidente da Xunta. Felicitouno Feijóo pola participación de Pontevedra no Cumio do Clima? 

Non. Iso doe moito. 

Do que si falaron foi da variante de Alba. Que pasa con este vial que está a tensar as relacións entre ambas institucións? 

Pasa que non vai tal e como consideramos que debería ir. O normal é que se hai un acordo co presidente da Xunta se cumpra e o normal é que se hai algún tipo de inconveniente se fale e que o interlocutor sexa a Administración competente e non se manden recadeiros polo medio. Sempre que se meten os recadeiros temos experiencias negativas. Logo ó fi nal se nos dá a razón. Cando foi de Montecelo foi así. Daquela meteuse Telmo Martín  polo medio falando de Monte Carrasco, alá lle fixeron caso na Xunta e estivemos sete anos perdendo o tempo. Ó final volvemos a onde había que volver, que era o consenso na ampliación de Montecelo. Precisamente aquí adúcese agora á falta de consenso. É a parte negativa dun tipo de política, marrulleira, de non falar claramente. Houbo uns tempos nos que a Xunta non lle daba nin auga a Pontevedra, pero pensei que cambiara iso. A interlocución ten que ser a través do alcalde, sen recadeiros. O posicionamento do PP local sobre a variante paréceme que é malo para a cidade, que non está facendo nin sequera o que a Xunta di. Por exemplo, a Xunta está facendo publicidade nos medios sobre a compostaxe e este señor está facendo campaña contra a compostaxe. Iso terano que explicar eles, a miña obriga como alcalde é facelo notar. Algúns concellos do PP están poñendo composteiros comunitarios e resulta que os de aquí non valen. Ou se está intentando convencer á xente de que devolva os composteiros porque hai que declaralos. Son ganas de facer dano.  

"O PP pon todas as pegas á variante porque non a quere facer e están facendo política porque están en campaña"

A última proposta é que a Xunta pague o trazado e o Concello o execute.  

A ver, nós buscamos un proxecto, non lles valía. Demos todas as alternativas posibles. Xa empezaron a mover por abaixo ós veciños. Logo a Xunta fixo dez trazados, dos dez dixo que ía mandar tres á exposición pública aínda que só un era posible. E agora dinme que faga eu un diferente porque o deles non vale? Non é serio. E logo propoñen unhas características de vía que son pechadas, con escalextric, sen pasos peonís... iso non é o que estamos facendo na cidade.  Dixemos: "vós facedes o trazado e nós facemos as características". Iso fixémolo xa coa rúa Josefina Arruty e Fomento e agora está metida no catálogo de boas prácticas do Ministerio de Fomento.  

Buscarán xuntos ó consenso cos veciños? 

A idea era que iamos logo retomar o tema como quedara pero logo empezaron a meter o tema do consenso veciñal. Díxenlle a Feijóo que nós tivemos un colectivo, Salvemos a fracha, en contra da circunvalación na mesma parroquia onde eu vivo, e eu fun con Mariano Rajoy e Ana Pastor a inaugurar as obras. A circunvalación é necesaria e o interese xeral ten que primar sobre os intereses particulares. Aquí hai un señor montando ‘bulla’ expresamente para que non se faga. Eu creo que, como di Mosquera,  están poñendo todas as pegas porque non a queren facer e están facendo política porque estamos en campaña electoral. Eu tamén fago política, pero co interés xeral por diante, non con plantexamentos partidarios e de curtas miras.  

"Eu non quero que siga Ence na ría de Pontevedra, pero eso non quere dicir que eu non estea a favor do emprego"

Co que si veñen de poñerse dacordo é nun convenio coa Xunta para o transporte público. 

Temos un convenio coa Xunta para as liñas que percorren a cidade e logo está o transporte a demanda. Hai demandas que non se poden cubrir cos plantexamentos clásicos. Non podes ter autobuses para arriba e para abaixo que vaian baleiros. Teremos que valorar que temos unha dispersión xeográfica importante, unha masa crítica pequena, con distancias grandes e necesidades de desprazamentos, pero non de autobuses senón doutro tipo de transporte con menos capacidade. Aí estamos traballando. 

Como encara o 2020? Cales son os grandes proxectos previstos para a cidade no ano que vén?

Cremos que temos que profundizar no modelo urbano, que é exitoso. Temos que avanzar na dotación de servizos. 2020 será o ano en que cheguemos  á excelencia. Non nos imos durmir nos loureiros e vai ser o ano no que teñamos o novo contrato de recollida de residuos sólidos limpeza viaria. Somos conscientes de que a cidade require un mantemento continuado. Queremos dar un paso adiante e que os espazos públicos cheguen a uns estándares de calidade e de mantemento de excelencia. Ademais, estamos executando obras por 17 millóns no rural en saneamento e abastecemento. Somos unha cidade que en dous ou tres anos estará en condicións de rematar o 100% saneamento do rural. Non hai ningunha outra cidade con rural que poida dicir iso. Estamos a anos luz de Lugo, Vigo e Ourense. Hai moitísimas cousas en marcha. 

"Imos deixar planchado o Camiño portugués de cara ó Xacobeo 2021, desde o albergue ata A Santiña"

O ano que vén tamén vén marcado por ser o inmediatamente anterior ó Ano Santo. 

Unha das cuestións do Camiño é precisamente a variante de Alba e a de San Caetano para mellorar os tráficos peonís nesa zona, tamén hai que actuar indo cara Vilaboa  hai tamén un proxecto da Deputación. Estamos deixando planchado todo o Camiño Portugués de cara o Xacobeo 2021, desde o albergue de peregrinos. Somos a única cidade que ten un trazado dentro da cidade de tres km, desde o albergue de peregrinos ata pasado a Santiña cara a Gándara que probablemente é o peor que temos agora. Aí imos actuar e reordenar o tráfico na Avenida da Coruña e toda esa zona. Para o Xacobeo vai estar en marcha. Logo temos unha capacidade de inversión moi potente. Imos cara a débeda cero. Hai varias cousas en marcha que teñen que ver coa administración electrónica, os proxectos do parque forestal da Tomba e da Fracha. Por outra parte, temos que ter en conta que aquí ademais de actuar na superficie das rúas hai unha renovación de servizos, con  rede de cabo, banda larga, gas cidade... non hai un centro histórico que estea renovado coma o noso.  Estamos a anos luz de moitas cidades nos servizos máis modernos.  

"En dous ou tres anos remataremos o 100% do saneamento no rural. Non hai outra cidade con rural que poida dicir iso"

Os datos do paro seguen a ser un dos puntos débiles da cidade e constitúen un dos principais críticas da oposición. 

Non é verdade. Obviamente hai paro pero estamos na media.  Santiago e A Coruña teñen unha taxa de reposición de poboación discutible. Lugo está tirando algo mellor en base a desertizar a provincia. Pero logo estamos por riba de Ourense, Ferrol e Vigo. Cando estamos facendo da cidade un referente, recuperando os espazos públicos, o campus Crea... estamos xerando actividade económica dentro das nosas competencias. Temos unha cidade que é a cidade do deporte, iso non xera emprego? A oposición volve ó de sempre: a Ence. Eu non quero que siga Ence aí, pero iso non quere dicir que non estea a favor do emprego. 

"Obviamente non estás como cando tes 30, que comes o mundo, pero non vexo iso de irme para coidar as netas e viaxar"

Unha vez dixo que a guinda do pastel sería que Ence marchara da ría antes que vostede da Alcaldía. Aínda o ve lonxe? 

Estamos nunha situación diferente a cando o dixen. Cando Mariano Rajoy lle deu sesenta anos máis de prórroga a Ence puxo a espada de Damocles enriba de Pontevedra. Agora estamos nun momento diferente porqueestamos discutindo que iso sexa posible. Respectando a opinión de todo o mundo, creo que a ría non é para industrias contaminantes, pesadas nin impactantes dende o punto de vista ambiental. Que se baixou o grao de contaminación respecto a hai vinte anos? Claro. Todos os anos din que baixan máis a contaminación, logo era mentira o o do ano anterior. Antes era escape libre, era unha mentira social impresionante a parte de todo os que supón o eucalipto a nivel de paisaxe e diversidade. Que a poñan onde a teñan que poñer e que o decidan quen o teña que decidir que eu nin son conselleiro de Industria nin presidente da Xunta. Eu son o alcalde de Pontevedra  e  teño que deslocalizar a certas empresas, facer o que é bo para o medio ambiente, para a saúde.  Ou sexa que se deslocalizan todas empresas de Bilbao e alí ben pero aquí non se pode? Non é sostible iso. É demagoxia barata.  

FUTURO DE LORES. "De momento non me vou, quero ir partido a partido"

Fala de deixar débeda cero, leva o éxito da súa xestión por medio mundo... Soa a despedida? 

Fisicamente e mentalmente síntome ben para seguir adiante, e cada vez máis seguro. Temos unha experiencia acumulada. Vexo a estes que chegan novos e meten a zoca cada dous por tres. Eu non vou estar eternamente aquí, pero por agora non me plantexo irme. Quero ir partido a partido.  Obviamente non estás aí como cando tes 30 anos, que comes o mundo, pero non vexo iso de irme para coidar as netas e viaxar. Estou pensando no queimos facer para o ano que vén o seguinte e o seguinte... Isto depende de moitascousas, de como te vaias atopando, da ilusión que teñas, do que opinen os compañeiros, de que as cousas cambien, estou encantado con xente como Anabel Gulías, Tito, Oubiña... Estamos empezando un mandato ilusionante cun nivel de execución bestial con moitísimas obras en marcha.

CARA AS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS. "O BNG está aberto ás incorporacións pero cuns principios de autoorganización"

O 2020 tamén virá marcado por unhas eleccións autonómicas.  

O BNG estivo pasando unha época mala pero levamos anos que somos unha forza á alza. A xente está mirando para nós. Temos unha excelente candidata que representa o sentir maioritario do BNG e de moitos galegos, entramos outra vez no Parlamento do Estado, iso é moi significativo. Tivemos uns resultados espléndidos nas europeas. Estamos na situación de dar un salto. 

Tenderán a man a outros grupos de cara ás eleccións? 

Nós estamos abertos ás incorporacións pero sempre cuns principios de autoorganización do país e de que non haxa dependencias de fóra e iso parece que hai algunha xente á que non lle gusta. E cun criterio claro. O outro día estiven na Fegamp defendendo que tiveramos unha facenda propia. Sempre estamos choromicando nas mesmas cousas. Recaudemos nós e xa lle daremos nós a eles. Isto non sae nunca. Unha cidade como Málaga ten máis orzamento que as sete grandes cidades galegas xuntas cando temos o dobre de poboación. Estamos perdendo 50 euros por habitante respecto da media do Estado e estamos sempre chorando e eu non quero chorar. Vivimos nun país rico e non temos que depender de ninguén.