martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

Mil nomes para clamar contra a barbarie

Imaxe do acto no Pazo provincial de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Imaxe do acto no Pazo provincial de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Deputación desprega dúas lonas no Pazo Provincial para recordar ao milleiro de mulleres asasinadas por violencia machista dende que existen recontos, a partir de 2003, hai 16 anos

Rebeca Alexandra, Leonor, Ermelinda. Son só os nomes das últimas tres mulleres asasinadas neste ano vítimas da violencia machista. "Detrás da cifra da vergoña hai mil mulleres con nomes e apelidos". Denunciábao este luns a escritora Ledicia Costas no acto que a Deputación de Pontevedra realizou para recordar ás mil mulleres asasinadas por violencia machista desde que existen recontos. Desde xeito, en 16 anos, as listas acumularon un milleiro de casos de violencia de xénero que remataron coa vida das vítimas. Os nomes de todas elas teñen un oco nas dúas pancartas que a institución despregou no Pazo Provincial para expresar o seu rexeitamento á lacra da violencia machista. Pero non son todas as que están.

No reconto oficial de vítimas mortais do machismo non están rexistradas as mulleres asasinadas por homes cos que non tiñan ningunha relación previa, como no caso dos crimes de Diana Quer ou Laura Luelmo. Tampouco se inclúen asasinatos a mulleres que exercen a prostitución, que adoitan ter menos relevancia mediática.

OUTROS CASOS. Fóra do reconto quedan tamén outras formas de violencia, como o asasinato de menores fillos das maltratadas, así como doutros seres queridos polas vítimas. Do mesmo xeito, é imposible calcular cal é a dimensión real da lacra do machismo ao non existir datos previos ao ano 2003 e así o denunciaba Costas. "Descoñecemos a auténtica dimensión desta lacra", lamentaba. A escritora foi a encargada de ler un manifesto e máis un poema para expresar o seu rexeitamento e máis o do ente provincial á violencia patriarcal. "Cantas mulleres máis teñen que ser asasinadas para tomar conciencia?", preguntaba a autora.

"Estamos aquí para denunciar o machismo asasino, para tomar conciencia de que cada vez que alguén nega a existencia desta barbarie, ou cada vez que alguén cuestiona o feminismo, está lexitimando os maltratadores", dixo antes de ler o poema escrito por ela para a ocasión. Ademais, criticou que "mentres nos asasinan polo feito de sermos mulleres temos que asistir ao espectáculo de partidos que cuestionan os minutos de silencio e se retiran das pancartas institucionais que denuncian esta lacra".

Ademais da intervención da autora, durante a concentración do luns escoitáronse tamén os nomes das mil mulleres ás que lles foi arrebatada a vida nos últimos 16 anos. Ademais da presidenta provincial, Carmela Silva, e outros membros do Goberno provincial, ao acto asistiron tamén a alcaldesa de Cambados e os alcaldes de Ponte Caldelas, Vilaboa, Pazos de Borbén, A Illa de Arousa e Cuntis, así como concelleiras e concelleiros de Pontevedra, Vigo, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Moraña, Poio, Forcarei, Barro, Caldas e Cangas, e funcionarias e funcionarios da Deputación.

A presidenta provincial, Carmela Silva, preferiu non facer declaracións na xornada deste luns, xa que preferiu deixar todo o protagonismo ás mulleres asasinadas. "Hoxe falan estes nomes que están escoitando: os nomes de mil mulleres asasinadas polo simple feito de ser mulleres, para que non se silencien, para que non queden no esquecemento, para que non pareza que isto é algo pasaxeiro", explicou.

Os datos corroboran as declaracións da presidenta provincial. Na actualidade e só na provincia de Pontevedra, a integridade de nove mulleres vítimas de violencia machista corre alto risco, tal e como determina o sistema de seguimento dos casos de violencia de xénero VioGén, elaborado polo Ministerio de Interior.

Mil nomes para clamar contra a barbarie
Comentarios