A Estrela de Oriente guía a Melchor, Gaspar e Baltasar ata Pontevedra

Milleiros de persoas ateigaron as rúas do centro da cidade para presenciar un desfile no que participaron seis carrozas e se repartiron tres toneladas de doces ▶ Arredor de 800 persoas estiveron implicadas no evento
photo_camera Cabalgata de Reis en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O son de tambores e sereas anunciaban, este venres, que o Desfile dos Reis Magos pasaba por Pontevedra. Milleiros de persoas encheron as rúas da cidade para cumprir coa tradición e despedir as vacacións de Nadal dando a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar. O desfile comezou puntual na Avenida de Lugo, ás seis da tarde, e percorreu o centro da cidade ata chegar á Alameda.

Tres toneladas de caramelos se repartiron durante o espectáculo, no que participaron unhas 800 persoas (de 16 grupos), segundo o Concello, que pecha con esta proposta a súa programación de Nadal.

A policía local deixou paso ao camión de bombeiros que encabezaba o desfile que levaba a estrela de Oriente, que guiou aos Reis ata o portal de Belén. Neste caso, ata a capital da provincia.

A primeira carroza estivo dedicada a un dos grandes personaxes de 2023 grazas a unha película de gran éxito, a boneca Barbie. Estivo precedida pola banda de música Airiños de San Martiño e seguida dunhas grandes fadas articuladas, de Pablo Méndez Performances, que tamén trouxo ao desfile pontevedrés outras dúas propostas, entre elas uns renos xigantes.

As árbores de Nadal, de Rivel Animación, e os Dinos Tolos, de Barafunda (dous grupos que tamén sumaron outras propostas ao percorrido) estiveron arroupados pola música de Duos Pontes, un dos grupos tradicionais que lle puxo banda sonora ao desfile, xunto a Pola Vila e Os de Algures.
A segunda carroza foi a dos protagonistas das películas de Shrek, que seguiron a pé a outros personaxes da mesma saga cinematográfica, como a galiña dos ovos de ouro e os homes de pan de xenxibre.

Zancudos, acróbatas e malabaristas, que xa animaran pola mañá a chegada dos Reis Magos á Praza da Pedreira, deron paso á terceira carroza, cuxo motivo central era un personaxe de conto, o soldadiño de chumbo.

O momento central do desfile foi un dos que levantou máis aplausos (xunto quizais co paso de Barbie e das fadas de Pablo Méndez), porque estaba protagonizado por un dragón de Art-Monium que botaba lume pola súa boca para asombro (e susto) dos nenos e nenas que presenciaron o desfile. Art-Monium tamén trouxo a Pontevedra carboeiros e un Apalpador coa súa familia.

Tamén na parte central do desfile estiveron as figuras dos camelos dos Reis, que xa causaran sensación pola mañá en Mugartegui, así como personaxes do fondo do mar da película Nemo.

"Papá, aquí vén Melchor! O meu favorito!" A figura dun gran león branco presidía a carroza do primeiro Rei Mago, que foi inmediatamente aclamado polo público.

Tamén foron moi aplaudidos os personaxes fantásticos que Troula presentou na súa proposta O estraño caso do dentista da rúa Brasof e que parecían tirados dunha película ambientada nun Oeste futurista. Troula tamén trouxo a Pontevedra bufóns e trobadores, entre outras cousas.

Os berros de "Gaspar! Gaspar! Gaspar!" avisaron da chegada da segunda carroza real. Así se entraba na parte final do desfile de Nadal, con grandes figuras de estrelas de Belén feitas con globos e cun espectacular Furfur, de Barafunda, que recreaba a figura deste demo.

Os paraugas ao revés seguiron sendo, un ano máis, a argucia favorita de quen quería levar a casa o maior botín de caramelos nun desfile que se librou da chuvia (fóra dun pequeno ballón ao final), pero non do frío, e que durou uns 50 minutos.

Os paraugas voltos do revés seguiron sendo, un ano máis, a argucia favorita dos que querían facerse co maior botín das tres toneladas de caramelos lanzados durante unha cabalgata que durou arredor de 50 minutos e non se librou do frío, pero si da chuvia, aínda que no tramo final do desfile –na Praza de España– un pequeno chaparrón fixo acto de presencia sen chegar a desaloxar ás persoas que se atopaban na zona.

Ducias de crianzas aclamaron os Reis Magos na súa chegada á Boa Vila

Puntualísimos, os Reis Magos chegaron este venres, ás 11.00 horas, ao Pazo de Mugartegui de Pontevedra, onde foron recibidos polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. 

A pesar da chuvia miúda, ducias de nenos e nenas agardábanos na Praza da Pedreira e aclamaron aos personaxes que, segundo a tradición, poñen fin ás festas do Nadal traéndolles agasallos. Cando se asomaron ao balcón para desexarlles a todos feliz aninovo, no medio dunha chuvia de confeti, foron saudados entre berros e aplausos. 

Moita expectación levantaron tamén as figuras dos camelos que os acompañaron dende a Subdelegación do Goberno ata A Pedreira. A rapazada máis ousada facía por acariñalos e a máis asustadiza escapáballe.

Ata as 13.00 horas, as Súas Maxestades de Oriente recibiron á cativada en Mugartegui, cuxa contorna se encargaron de animar acróbatas, zancudos e malabaristas, e onde soou a música toda a mañá. Nos primeiros momentos, a cola para saudalos subía pola rúa Gregorio Fernández ata preto da Sarmiento, por un lado, e ata o Mercado de Abastos, polo outro.

Comentarios