Un millón de euros para os concellos afectados polo lume

A Xunta sufragará o 50% dos custos de reparación de equipamentos

Presentacion das axudas da Xunta aos concellos afectados pola vaga de lumes. DAVID FREIRE
photo_camera Cores Tourís, Fernández-Tapias e López-Chaves. DAVID FREIRE

A Xunta de Galicia destinará un millón de euros a reparar os equipamentos municipais afectados pola vaga de lumes do 15 de outubro de 2017. A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, anunciou onte que a Xunta está en condicións de comezar a asinar os convenios pertinentes con concellos de xeito inmediato para que poidan recibir os fondos que cubran o 50% das reparacións do equipamento danado. Fernández-Tapias compareceu onte na sede da Xunta de Pontevedra para explicar esta liña de axudas acompañada polos delegados territoriais de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e Vigo, Ignacio López-Chaves.

Para completar o financiamento, Fernández-Tapias fixo un chamamento á Deputación de Pontevedra e máis ao Goberno central. Deste xeito, asegurou que os concellos de Ourense contan xa co apoio da súa Deputación, mentres que en Pontevedra "seguimos agardando a que o ente provincial se implique". Do mesmo xeito, dixo que o anterior Goberno central tiña a intención de achegar fondos para esta fin, e que "confiamos que o novo executivo manteña o compromiso". As axudas por parte da Xunta poderán ser de ata 330.000 euros para concellos nos que os danos se valoran en 660.000 euros.

Na provincia de Pontevedra serán 16 os concellos que se beneficien das ditas axudas: Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Mondariz Balneario, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, A Cañiza, As Neves, Ponte Caldelas, Baiona, Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior, Vigo e a entidade local de Morgadáns.

Ademais, nas outras provincias hai outros 26 municipios que se beneficiarán dos fondos achegados pola Xunta. Cada un dos concellos que recibirán axudas elaborou unha lista coa relación de danos causados polos lumes que comprobaron in situ os técnicos da Administración autonómica. Así, este millón de euros completa unha serie de axudas por valor de 23 millóns de euros que a Xunta está tramitando cos afectados. 

En primeiro lugar, os fondos chegaron aos feridos e familiares dos falecidos na vaga de lumes e consellerías como a de Economía ou Infraestruturas xa adxudicaron varias liñas de axuda específicas, que tiveron que ser ampliadas de 11 a algo máis de 13 millóns de euros.

Esta convocatoria conxunta do Goberno galego habilitou axudas para poder paliar os danos causados pola vaga de lumes nun amplo abano de supostos, como o de afectación a bens de titularidade municipal que se anunciaron onte, pero tamén a vivendas, negocios e por danos persoais a feridos nos incendios.

Comentarios