O Mirador anuncia protestas no Pleno deste luns e unha marcha o 27 de novembro

Os veciños de Monte Porreiro continúan co calendario de queixas para reclamarlle ao Concello máis investimentos
Carlos Diéguez. DP
photo_camera Carlos Diéguez. DP

Máis protestas dos veciños de Monte Porreiro. A Asociación O Mirador decidiu nunha asemblea convocada na noite do pasado venres que continuará manifestándose para que o Concello invista na mellora do barrio.

A primeira cita de protesta será este luns mesmo, durante a celebración do Pleno ordinario do mes de novembro. "Sabemos que non poderemos entrar ao interior, pero imos estar nos arredores para levar as nosas reivindicacións", sinala o presidente de O Mirador, Carlos Diéguez.

Por outra parte, a asociación tamén convoca unha manifestación en Pontevedra o vindeiro 27 de novembro, que partirá da ponte dos Tirantes para continuar pola avenida de Boa Aires, subir por Cobián Roffignac ata a rúa Michelena e rematará ante o Concello.

VER MÁS: O Mirador de Monte Porreiro pide reunirse con Lores y amenaza con protestas

"Pedimos que se manteña o investimento no barrio e que se melloren as beirarrúas que están en malas condicións porque o parcheado que se está facendo agora mesmo nas estradas de Monte Porreiro está mal feito",sinala Diéguez.

O conflito entre os veciños de Monte Porreiro e o Concello comezou cunha proposta de peonalización da rúa Alemaña por parte do Goberno local. O departamento de Obras presentou un proxecto que non gustou aos veciños e provocou protestas e unha recollida de sinaturas contra o mesmo. Deste xeito, o Concello deu marcha atrás e paralizou o proxecto.

Porén, agora os veciños piden que os dous millóns de euros previstos para aquela intervención se manteñan realizando outras melloras. Neste sentido, O Mirador pide reunirse co alcalde e critica ao concelleiro de Obras por "querer tratar outros problemas para distraer, como as carreiras na rúa Dinamarca".

Comentarios