jueves. 20.01.2022 |
El tiempo
jueves. 20.01.2022
El tiempo

Míriam Ferradáns gaña o premio Francisco Fernández del Riego

Míriam Ferradáns no medio das outras dúas finalistas, Claudia Morán (esquerda) e Patricia Hermida. AFUNDACIÓN
Míriam Ferradáns no medio das outras dúas finalistas, Claudia Morán (esquerda) e Patricia Hermida. AFUNDACIÓN
A buenense recibe o galardón por un artigo no que rende homenaxe a Ons e aos seus habitantes

Cunha homenaxe á illa de Ons, aos seus habitantes e á súa memoria, a escritora buenense Míriam Ferradáns fíxose este mércores, no Café Moderno de Pontevedra, co premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo en lingua galega, que concede Afundación. O texto galardoado, Dalias, foi publicado en Nós Diario. "Quero agradecerlle ao xurado este premio, que supón luz en momentos que non son tan claros", dixo a autora.

Ferradáns contou que o seu artigo naceu durante o confinamento, que converteu a illa de Ons, que ela ve dende a súa fiestra, na súa veciña. Tamén naceu do respecto que a escritora sente pola xente que vive na illa. Algunha dela aparece mencionada especificamente no seu texto. É o caso de Cesáreo. "Nunca serei capaz de atopar as palabras que capten a súa bonhomía". Finalmente, Dalias tamén nace do acontecemento anual que supón a saída dun barco de Bueu cargado de persoas e flores para visitar o cemiterio de Ons. "Non sei como non sae todos os anos esa nova nos xornais locais. Habería que deixar sempre testemuño de que existen esas probas de amor".

Quero agradecerlle ao xurado este premio, que supón luz en momentos que non son tan claros

A buenense quíxolle adicar o seu premio, ademais de á súa familia, "a toda a xente de Ons, que leva anos loitando polos seus dereitos". Igualmente quixo compartilo coas outras dúas finalistas do certame, Claudia Morán, por Un deserto, publicado tamén en Nós Diario, e Patricia Hermida, por Historia de como avó Antonio subiu ao ceo, publicado no Correo Galego. "Penso que os tres textos comparten cousas. Os tres falan do amor, da resistencia e da memoria. Estou moi feliz de estar aquí con outras dúas mulleres que demostran que temos a palabra e que xa non nola van quitar".

FREIXANES. O presidente do xurado do Francisco Fernández del Riego, Víctor Fernández Freixantes, coincidiu coa premiada en sinalar os puntos en común que tiñan os tres artigos finalistas. "Os tres teñen algo importante: a relevancia que lle outorgan á memoria e á forza que supón non renunciar á terra e a nós mesmos", sinalou. "Son tres traballos moi intensos e moi ben escritos. A sociedade galega precisa de homes e mulleres que escriban o noso relato. Non debemos renunciar a ser os seus donos". Freixanes, que presidiu un xurado conformado por Fina Casalderrey, Cristina Pato, Gloria Rodríguez e Carlos Valle, tamén lles agradeceu ás tres autoras que se presentasen ao galardón. "Sempre é unha decisión de humildade e xenerosidade".

O premio Fernández del Riego de xornalismo literario está dotado con 10.000 euros.

Míriam Ferradáns gaña o premio Francisco Fernández del Riego
Comentarios