
"Sodes o futuro da lingua e entre todos temos que conseguir, senón un rexurdimento, polo menos unha regaleguización", trasladou o reitor electo da UVigo, Manuel Reigosa, ao estudantado premiado cos galardóns de poesía, relato curto e tradución e A lingua galega en 2050, promovidos pola súa Área de Normalización Lingüística (ANL), no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas que a Universidade de Vigo celebrou este martes na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, onde o aínda vicerreitor en funcións, Jorge Soto, exerceu de anfitrión desde o público. A encargada de conducilo foi a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.
Aínda que o termo rexurdimento se asocia á segunda metade do século XIX e a autores como Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal, no período no que se "criou intelectual, política e literariamente" Florencio Delgado Gurriarán, o poeta homenaxeado este 2022 no Día das Letras Galegas, foi a "única época histórica na que a sociedade galega viviu un proceso que tiña como principal obxectivo o rexurdir de Galicia". Con esta idea abriu o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Anxo Angueira a conferencia que dedicou ao poeta de Valdeorras.

Esta idea do rexurdimento foi destacada tanto polo reitor, Manuel Reigosa, como polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, que se incorporou empezado o acto, para pór de relevo o papel fundamental que as novas xeracións deben xogar no "rexurdimento" do idioma.
Reigosa salientou, así mesmo, que unha das tres "grandes liñas" fixadas no plan estratéxico que a Universidade aprobou o pasado ano -e no que tamén incidiu na recente campaña- é "facer unha gran aposta pola lingua e a cultura galega", á vez que lembrou que a UVigo conta con tres titulacións que se imparten nun 80% en galego, así como cun "plan para favorecer que nas aulas se utilice moito máis" o idioma.
Ao mesmo tempo, sinalou aos estudantes premiados "que precisamos o voso apoio para que a xente nova que se incorpore ás aulas utilice con normalidade a nosa lingua". Nesa mesma liña, Valentín García destacou que se ben Galicia conta coa "mellor xeración da historia" no referido ás súas competencias para escribir ou ler en galego, a "materia pendente é que a mocidade galega use a lingua dunha forma plena e consciente". De aí que puxese de relevo o positivo de iniciativas como os premios que neste acto entregou o director da ANL, Fernando Ramallo, promovidos no marco dun convenio de colaboración entre a Universidade e a Consellería de Cultura.
Xunto a entrega destes galardón e a conferencia de Angueira, esta conmemoración adiantada das Letras Galegas completouse coa actuación na que Tino Baz puña música a varios poemas de Delgado Gurriarán á vez que o artista Marcos Escudero creaba ilustracións con area inspiradas neses mesmos versos.

GALARDÓNS Á CREATIVIDADE. O alumnado foi o gran protagonista dos premios literarios, dotados no seu conxunto con 3.600 euros, así como coa publicación dos textos seleccionados nun monográfico. O xurado que elixiu as obras gañadoras estivo presidido por Angueira e integrado por Fran Alonso, director de Edicións Xerais, os profesores da UVigo Robert Neal Baxter, Patricia Buxán, e Rebeca López; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo Marta Souto e o propio Ramallo como secretario.
Na categoría de poesía, o xurado outorgou o primeiro premio a Adriana Rivas, alumna da Facultade de Filoloxía e Tradución -que non puido acudir ao acto- polo poemario Bosques. Tamén na modalidade de poesía, o xurado distinguiu con dous accésits os poemarios Un medo violento e o amor, de Remedios Fernández, e Paseantes, de Rebeca López Villar, ademais de recomendar a publicación de Balbino, de Diego Bará Louro.
Alumno tamén de Filoloxía e Tradución, Fabio Rivas recibiu, por segundo ano consecutivo, o premio de relato curto, nesta ocasión por O cruceiro e as anguías, unha historia que tiña como punto de partida un artigo de Milagros Bará sobre a "escola de carteiristas de Lérez". Tamén se outorgou un accésit a Onde mataron os homes, de Carlos Manuel Estévez.
O premio na categoría de tradución foi para Diego García Laranxeiro pola súa adaptación ao galego dun texto científico escrito en alemán por Christina Beck e o accésit recaeu en Isaac Garrido pola tradución do inglés dun texto do poeta vietnamita Ocean Vuong.
A estes galardóns sumouse un novo premio dirixido promover unha reflexión sobre a situación social da lingua por parte do alumnado, que debía dar resposta as preguntas de en que situación cren que se atopará o idioma en 2050 e como lles gustaría que chegase a esa data. Carla Míguez e Julieta Insagaray, alumnas de Filoloxía e Tradución, foron as gañadoras, por A lingua de todes e Nós, os fillos e as fillas da diglosia, respectivamente.