Moción en Pontevedra para esixir que siga aberta a unidade de Primaria do colexio de Verducido

O texto recibiu o apoio de PSOE e BNG, o voto en contra do PP e a abstención de Goyo Revenga
Un aula de la EEI de Verducido. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un aula de la EEI de Verducido. GONZALO GARCÍA

A Comisión de Réxime Interior aprobou este mércores pola mañá, cos votos a favor de PSOE e BNG, o voto en contra do PP e a abstención de Goyo Revenga, a moción impulsada polo equipo de goberno local para esixirlle á Xunta de Galicia que "abandone a súa campaña de acoso e desmantelamento encuberto" da escola de Verducido e manteña aberta a unidade de Primaria, "permitindo que o centro público de ensino siga a funcionar como o fixo desde os anos 60".

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, di nun comunicado que quedou "absolutamente perplexo" coa votación en contra dos populares e considera este comportamento "un novo exercicio desa dobre moral e hipocrisía política que vén practicando o grupo municipal do PP no Concello de Pontevedra".

"Hai uns días, o voceiro popular, Rafa Domínguez, aseguraba aos veciños de Verducido que estaba disposto a facer de intermediario coa Xefatura Territorial de Educación da Xunta para evitar o peche do colexio, e hoxe, en Comisión, o PP vota en contra da moción. Din unha cousa nun sitio e a contraria noutro. Para intermediar así, mellor que non intermedie", sinalou o edil do PSOE no escrito remitido aos medios.

En todo caso, Fernández asegura que o goberno local vai seguir defendendo "a necesidade de que esa escola, que tan bos resultados, tantos premios e tanto prestixio vén acadando ao longo do tempo, poida seguir aberta e funcionando", xa que "o que queremos é que o noso rural siga vivo e para iso é necesario que os seus servizos esenciais, entre os que se atopan por suposto a educación, continúen vivos, abertos e medrando, non pechando".

A moción será levada a Pleno a vindeira semana para o seu debate e aprobación.

Comentarios