"O modelo da compostaxe fai que a xente cambie o chip"

No marco do Plan Revitaliza de compostaxe, a Deputación de Pontevedra celebrou onte un seminario internacional no que Plana foi o encargado de falar sobre a evolución internacional das estratexias de xestión de biorresiduos como base dun modelo de economía circular

Ramón Plana. GONZALO GARCÍA
photo_camera Ramón Plana. GONZALO GARCÍA

Que experiencias hai polo mundo similares á que está levando a cabo a Deputación na provincia de Pontevedra?
Hai moi poucas con este alcance e coa ambición de ser unha alternativa real de descentralización da materia orgánica a nivel de xestionala en compostadores domésticos e comunitarios. Está Flandes e Inglaterra tamén está facendo cousas, pero non van tan rápido nin conseguiron tantos éxitos, porque alí considérano un complemento. Alí están moi avanzados en sistemas de recollida e a xente está moi mentalizada en separar, pero non tanto en tratar os residuos de maneira local e inmediata. Aquí, en Pontevedra, o concepto é o de aforrar a recollida con todo o que iso representa e facer un tratametno in situ e por iso, nese sentido, está sendo unha referencia internacional.

Entón, as claves do éxito son facer un tratamento local e tamén que a compostaxe sexa o único modelo para tratar os biorresiduos e non unha fórmula complementaria a outras?
Non ten por que. A nós levan toda a vida enganándonos no sentido de que nos din que separar na casa o plástico, o vidrio ou o papel e botalos a contedores distintos xa é reciclar, pero iso só é separar e a reciclaxe ten que facerse despois. Sen embargo, a materia orgánica si a podemos reciclar, convertela en compost nós mesmos, se temos o espazo e un mínimo coñecemento para facelo, e esa é a base desta estratexia. Se a materia orgánica a podemos reciclar dunha maneira sinxela e podemos evitar recollela, entón, poñamos os medios e os coñecementos para facelo. Ademais, este modelo ten a vantaxe de que esa inmediatez fai que a xente cambie o chip, xa que por un lado ve a cantidade de lixo que xera e por outra ve como se transforma. Así decátase de que non se trata dun residuo, senón dun recurso que se pode aproveitar. A maiores, aos custes que se aforran por un lado súmase a creación de postos de traballo e tamén a educación ambiental e por aí veñen moitas melloras. Pero, ten que ser a alternativa única? Non. Estes non son modelos de copia e pega, senón que hai que adaptar o modelo á realidade a ás circunstancias climáticas, orográficas, económicas, sociais, educativas, sociais, etcétera, de cada sitio. Hai que buscar o modelo máis axeitado para cada zona.

Logo, como se pode replicar noutros territorios o modelo impulsado en Pontevedra?
Collendo as ideas e os conceptos e adaptándoos. En Galicia temos unha das poboacións máis dispersas de España e de parte de Europa, así que aquí si ten sentido facer un esforzo en minimizar as recollidas, pero hai outras zonas onde iso non sucede tanto. Por exemplo, Nova York está impulsando moito a compostaxe comunitaria en Manhattan e incluso hai miniplantas de compostaxe para os mercados, porque saben que se poden evitar recoller máis toneladas de materia orgánica lograrán un aforro, pero alí non se ‘plantexa’ que vaian compostar todos os orgánicos, senón que ese sistema é un complemento. En definitiva, débense ver as circunstancias de cada zona, pois non hai modelos mellores nin peores, senón que hai que buscar o que se adapta a cada territorio.

Ademais, os orgánicos son a maior parte dos residuos que xeramos...
Si. En Galicia o orgánico supón arredor dun 42% e noutros países aínda máis.

Tal como vai a cousa na provincia de Pontevedra, cre que se vai cumprir o obxectivo marcado pola UE sobre tratamento sostible dos residuos?
Pontevedra ten unha metrópole como Vigo, con moita poboación, e mentres Vigo no se meta a facer unha reciclaxe en serio, a media provincial vai quedar descompensada. É unha cuestión de estatística. Tamén en Cataluña hai poboacións onde se recicla o 90% mentres que Barcelona aínda está nun 30 e pico. Depende de como se fagan os números. Pero o que se está facendo aquí é un avance e hai que afianzar o modelo, que aínda non chega a toda a poboación. De todos os xeitos, isto non é un esprinte, senón un maratón. Hai que aguantar, que as demais fraccións de residuos tamén se vaian reciclando e lograr que a xente se implique. O de separar o orgánico do resto, que é o que facían os nosos avós, nós perdémolo, así que hai que cambiar a mentalidade e iso leva tempo. A implicación da cidadanía é imprescindible e é por onde hai que empezar sempre, porque se non hai implicación da xente non facemos nada.