O modelo pontevedrés triunfa en Austria: "Non divagaron: actuaron e acadaron resultados espectaculares”

Lores participa no Salzburgo Global Seminar, que estuda o modelo de cidade como paradigma para cambiar os espazos urbanos 

Lores, no seminario en Salzburgo. DP
photo_camera Lores, no seminario en Salzburgo. DP

O Seminario Global de Salzburgo (SGS) coñeceu polo miúdo este mércores o modelo de cidade pontevedrés, coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Foi o protagonista da súa sesión 608, diante de arredor de 30 persoas chegadas de todo o mundo, segundo informa o Concello.

O SGS, fundado por exalumnos de Harvard, busca formar líderes mundiais coa misión de conseguir un cambio para mellor. Un xornalista inglés resumiu nun tuit a súa impresión tras escoitar a Lores: "Moi inspirador. Se todas as cidades tomaran estas ideas, chegaríamos moito máis lonxe loita contra o cambio climático".

O exemplo de Pontevedra serviu ao xefe de comunicación e educación da Unión Internacional de Conservación da Natureza, o americano Sean Southey, para considerar que non debe subestimarse o papel das cidades na loita contra o cambio climático. "Os resultados espectaculares deste exemplo así o demostran. É un caso alentador que pode inspirar a moitas outras cidades, que deberían comezar por poñer claramente nas súas prioridades o traballar todos a unha para realizar un cambio real".

Southey, que participaba xa por segunda vez no seminario, falou do caso pontevedrés, destacando tamén o feito de que o caos inicial do que se partía foi convertido nunha oportunidade: "En vez de poñerse a divagar cos seus problemas, en Pontevedra buscáronse solucións, implementáronse e conseguiron uns resultados espectaculares".

Despois de relatar os distintos aspectos da reforma urbana e a transformación global da cidade considerando que o espazo público é un dereito dos veciños tan importante como a sanidade ou a educación, Lores respondeu a distintas preguntas relacionadas co tema, como a recorrente "como reaccionan os veciños ante os cambios?".

Lores explicou que" o medo ao cambio e a oposición política poden frustrar estes procesos, pero é necesario abordalos con dous ingredientes: participación veciñal e valentía política".

Comentarios