A Primeira do candidato

Un modelo urbano "campión do mundo"

O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego, Miguel Anxo Fernández Lores, soña cunha cidade "que sirva de exemplo"
Miguel Anxo Fernández Lores, co director do Diario de Pontevedra, confeccionando a Primeira Páxina do candidato do BNG. GONZALO GARCÍA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, co director do Diario de Pontevedra, confeccionando a Primeira Páxina do candidato do BNG. GONZALO GARCÍA

Modelo, modelo e modelo. Unha obsesión para o candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, que se reflicte na súa primeira páxina ideal, esa que lle gustaría ler calquera día para encherse de satisfacción polo traballo ben feito e para "presumir" de Pontevedra.

Captura

Ao aspirante nacionalista á Alcaldía ilumínaselle a mirada ao imaxinar unha apertura do Diario de Pontevedra coa nova da declaración da cidade como "a mellor do mundo para vivir". A ONU tería en conta para o seu recoñecemento a "calidade de vida" dos veciños e veciñas e tamén as grandes reformas urbanas emprendidas nos últimos anos. O ‘alcalde’ Lores tería que viaxar a Nova York para recoller o galardón... "poucas cousas me farían máis ilusión!", di esbozando un sorriso.

Logo está a imaxe soñada: os mellores corredores do mundo polas rúas de Pontevedra na Gran Final das Series Mundiais de Triatlón. A escena ten data (en setembro celebraranse as probas), pero o candidato do BNG desconta as horas desde hai xa meses, seguro de que o acontecemento "deixará unha pegada imborrable na cidade".

Outras novas da primeira páxina de Lores no Diario son tres das teimas que máis soaron durante os últimos catro anos no Concello de Pontevedra. Dunha banda, o desbloqueo do vial de Mollavao, que o Goberno local segue a pelexar con Costas e que, polo de agora, non avanza como era esperado que sucedese. Doutro lado, o parque urbano da Parda, onde o BNG quere estender unha das áreas de recreo no municipio. "Un espazo de lecer que se unirá co paseo dos Gafos para crear unha nova posibilidade de desfrutar da natureza para as veciñas e os veciños", di Lores.

Nesa primeira páxina ideal do Diario non podía faltar tampouco a reforma de Santa Clara, o vello convento adquirido no presente mandato e cedido posteriormente á Deputación para convertelo nun futuro espazo público e unha nova peza básica do Museo de Pontevedra. Para o candidato "será unha actuación histórica" que terá que ter o debido reflexo en todos os medios de comunicación.

Miguel Anxo Fernández Lores, co director do Diario de Pontevedra, confeccionando a Primeira Páxina do candidato do BNG. GONZALO GARCÍA

Como tamén sucede co tratamento do rural pontevedrés. Esas supostas "diferenzas" entre o modelo urbano do centro da cidade e das parroquias rurais é algo contra o que tamén loita Miguel Anxo Fernández Lores. Convencido de que o seu goberno define tamén un tratamento específico para o periurbano e o rural, ao aspirante a Álcaldía do Bloque gustaríalle ver recoñecidos pola Xunta os esforzos por mellorar a contorna de Pontevedra. De aí o seu titular esperado: "A Xunta pon a recuperación do rural de Pontevedra como exemplo para toda Galicia".

Podería ser un titular posible, ao seu xuízo, se se cumprise outro dos pronósticos de Lores: que Ana Pontón sexa investida presidenta galega o vindeiro ano. De feito, deixa na Primeira a esperanza de que el mesmo, como alcalde, reciba a primeira visita oficial da ‘nova presidenta’. Como tamén, o soño de que Europa "recoñeza o galego como a súa lingua oficial".