"Moitas familias levaban 80 anos agardando que lles petasen na porta"

Luís Bará presenta o mércores 'Non des a esquecemento', unha recompilación de relatos do xenocidio fascista, no Sexto Edificio do Museo
Luís Bará, con exemplares do seu libro
photo_camera Luís Bará, con exemplares do seu libro

"Moitas familias levaban 80 anos esperando que alguén lles petase na porta". Luís Bará explica así o proceso de recollida das historias dos que padeceron a represión franquista e que culmina coa publicación do seu libro Non des a esquecemento. A obra preséntase o mércores (20.00 horas) no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, nun acto que contará coa presenza da xornalista Montse Fajardo, o historiador Xosé Álvarez Castro, a familiar dun represaliado María Lores, Sabela Bará e a cantante Uxía.

Este libro é resultado de tres anos de traballo recollendo as historias de familias que padeceron a represión dos falanxistas tras o golpe de Estado de 1936. A obra divídese en cinco capítulos. O primeiro deles fala da vila natal do autor, Vilaboa, especialmente da localidade de Paredes. "Tras anos traballando dende as institucións pola recuperación da memoria, descubrín que alí pasaran moitas cousas despois do 36", contou Bará este luns, nunha presentación para a prensa.

O libro tamén repara na dor que supuxo a barbarie fascista para as mulleres e adica unhas páxinas á súa memoria baixo o título O ronsel das silenciadas. Mulleres rapadas, violacións e outros castigos de índole machista como a práctica de marcar ás mulleres coas letras UHP (Uníos Hermanos Proletarios) na fronte. A terceira parte na que se divide o libro fala de San Simón, "un expazo mítica, máxico, cheo de dor e de beleza", segundo as palabras do propio Bará. O autor afonda nas historias dalgúns dos presos do campo de concentración franquista. Tamén hai oco para a solidariedade, e o libro fala tamén das redes de axuda que se teceron arredor dos escapados e das persoas que lles deron acubillo a risco de seren castigadas por facelo. Antes do epílogo, Bará adica o bloque final da obra ás persoas fondeadas na ría de Vigo, "a maior foxa común da historia de Galicia", segundo o propio autor, que recalca que esta é unha obra emocional que fala de ideas e de valores.

Pero máis alá do orgullo co que moitas familias recordan aos seus mortos, sempre están o medo e a dor. "O medo está metido aínda en moitas casas, a pesar de que na última década a política -sobre todo durante o bipartito- acabou con esa autorrepresión á que se sometían as familias", explica Bará. O trauma de Democracia, á que bautizaron como Lucrecia aos cinco anos, uns días despois de levar a seu pai preso, fai que recorde constantemente a auga salgada caendo pola súa cabeza. A súa historia tamén aparece nas páxinas de Non des a esquecemento e recordouna o luns Bará como exemplo da dor que provoca recordar.

Luís Bará reivindica a importancia da recollida da memoria oral a través de entrevistas con persoas que viviron naquela época. "As violacións, por exemplo, non quedan rexistradas nos arquivos, por iso a recollida oral é importante para saber a verdade", explicou o luns. Do mesmo xeito, Bará asegurou que esta obra "vai descubrir a moita xente historias que nunca pensaron que puideran chegar a suceder".

O libro está editado polo Instituto de Estudos Miñoranos e ten un prezo de 15 euros. A recadación da súa venda irá destinada á construción dun Bosque da memoria nos arredores do cuartel de Figueirido para lembrar aos que estiveron alí presos polo franquismo.

Comentarios