Miércoles. 26.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 26.06.2019
El tiempo

Moito ruído e poucas noces

Debate electoral na Galega entre os cinco candidatos pontevedreses. TVG
Debate electoral na Galega entre os cinco candidatos pontevedreses. TVG

DEBATE NA TVG ▶Sin sorpresas. Con moita crítica ós anos de goberno de Lores e poucas propostas sobre a mesa. Así transcorreu onte o debate electoral na canle pública galega entre os cinco candidatos á Alcaldía de Pontevedra con representación electoral

Unha vez máis, todos contra Lores. É a conclusión dun debate electoral con moita crítica e poucas propostas, que se levou a cabo este martes na TVG entre os cinco candidatos á Alcaldía dos partidos con representación municipal.

O emprego, Ence, as políticas sociais e o modelo de cidade foron os temas en torno os cales xirou o diálogo entre os candidatos na canle autonómica. O debate arrincou cun primeiro minuto para que cada un dos alcaldables espuxera as liñas principais da súa campaña e transcorreu sen sorpresas, aínda que se puido ver a un Rafa Domínguez algo máis incisivo que outras veces. De feito, nos primeiros minutos parecía que por fin o popular ía ter o ansiado cara a cara con Lores. Pero pasou pouco tempo ata que o resto de candidatos se fixeron notar.

Sobre a mesa do plató, o emprego e, inmediatamente despois, Ence. Mentres o líder do PP achacou a Lores ser o alcalde da cidade "con máis paro de toda Galicia", e non preocuparse polo peche de industrias como o que sobrevoa sobre a pasteira, nin polo 17% de índice de persoas desempregadas que adolece o municipio, Fernández Lores contestou con máis cifras: "Ence dá traballo directo a 175 persoas", dixo. "No municipio traballan 42.500 persoas", engadiu. Sobre a pasteira lembrou que "os pontevedreses temos dereito a recuperar a ría polo que queremos que se traslade a onde considere convinte a administración competente", achacoulle ó PP.

Pola súa banda, o socialista quixo erixirse como o único voceiro do traslado de Ence, preocupado polo futuro dos traballadores pero firme na idea de que a pasteira ten que saír da ría de Pontevedra e volveu apostar por unha mesa de negociación impulsada desde Madrid. Mentres, o candidato de Marea aproveitou para lembrarlle a Tino Fernández a alternancia de goberno PP e PSOE no Estado e "a falta de xestións no Bipartito para solucionar o conflito de Ence".

Goyo Revenga, único da mesa que obviou falar en galego na canle pública autonómica, tamén se agarrou ó argumento do emprego para bater contra o candidato nacionalista e lembrou ó alcalde en funcións que Pontevedra carece de plan xeral. "Sin un PXOM que ponga el camino a dónde queremos llevar a Pontevedra mal vamos. No tenemos hoja de ruta a treinta años vista", manifestou.

MODELO SOCIAL E URBANO. Nun segundo bloque puxéronse sobre a mesa as políticas sociais. De novo ataque frontal a Lores. Domínguez lembrou que a cidade ostenta o "premio corazón de pedra". Criticou a falta de investimento nas parroquias e a carencia de transporte público. Pola súa banda, o socialista Tino Fernández criticou que as políticas sociais de Pontevedra "baséanse máis na beneficencia" e destacou a falta de asistentes sociais na cidade, ó que lle rebateu Lores asegurando que Pontevedra conta cun traballador social por cada 6.000 habitantes, superando a ratio esixida pola Xunta de 8.000 habitantes.

Marea subliñou a ausencia dunha gardería municipal e a escaseza de prazas en centros de maiores para persoas dependentes.

E Lores pasou de puntiñas polas políticas sociais para centrarse de cheo no exitoso modelo de cidade que puxo o nome de Pontevedra no mundo e ten recoñecementos de todos os recunchos, o que ninguén lle rebateu e incluso o socialista destacou que eles tamén formaron parte dese modelo.

Houbo críticas ó sistema de recollida de lixo e tamén á compostaxe. "Estamos tirando os cartos do aluguer dos terreos da Canicouva sen que se fixera nada", fixo fincapé Domínguez.

Finalmente, o minuto de peche iniciouno Revenga pedindo o voto para ter un "Concello en el que sea fácil entrar". Tino Fernández evocou a Pedro Sánchez e o seu goberno de Madrid, e Luís Rei á súa número 2, Teresa Casal, unha das súas principais bazas en campaña.

Lores e Domínguez postuláronse como as dúas únicas alternativas de goberno. Así, o popular apostou por ser o alcalde do cambio: "Non chega o modelo de cidade, eu aposto por un proxecto de cidade". E o candidato do BNG apelou ó eslogan de "busque, compare e se atopa algo mellor cómpreo". Lores pediu ós cidadáns que "voten poñendo o amor a Pontevedra por diante".

Frases

Miguel Anxo F. Lores BNG
"Hai dúas alternativas. Votar ó BNG e votar ós que están en contra da recuperación da ría, da compostaxe, da circunvalación"

Rafa Domínguez PP
"Non me chega o modelo de cidade, eu quero un proxecto de cidade capital»

Tino Fernández PSOE
Vostede (a Lores) nunca quixo o traslado, senón o peche de Celulosas e un alcalde ten que implicarse ata as cachas coas empresas da cidade»

Luís Rei Marea
Nunha cidade con 2.000 nenos de menos de tres anos non hai ningunha gardería municipal»

Goyo Revenga Ciudadanos
Lores tiene el síndrome de Michelena 30, tiene que salir de ahí»

Moito ruído e poucas noces
Comentarios