Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

"Moitos galegos sentímonos estranxeiros na nosa propia patria"

Familias de Pontevedra e a súa comarca coñeceron os detalles do proxecto
Familias de Pontevedra e a súa comarca coñeceron os detalles do proxecto

A filosofía das escolas Semente segue expandíndose por Galicia e quere xermolar tamén en Pontevedra. Unhas vinte familias estarían interesadas en asociarse para este fin e onte resolveron as súas dúbidas nun encontro con representantes dalgúns centros en marcha

Pontevedra podería contar o vindeiro curso cunha escola Semente, un proxecto nacido en Santiago (http://sementecompostela.com/) que se estendeu a varias localidades galegas. Onte celebrouse un encontro no Pazo da Cultura con familias interesadas. Falaron Sabela Corral, promotora da iniciativa en Pontevedra, e Santiago Quiroga, de Lugo.

En que localidades hai implantadas escolas Semente?
SABELA C.: Agora mesmo en Compostela, Trasancos (Narón), Vigo e Lugo. E tamén hai un proxecto para comenzar na Coruña.
SANTIAGO Q.: E no Val da Mahía e o grupo de Pontevedra.

Cantas familias habería interesadas en crear unha Semente en Pontevedra? Que obxectivo tiña este encontro?
S.C.: Hai unhas vinte familias interesadas. Este encontro convocouse, principalmente, para resolver dúbidas, que teñamos claro o que é pertencer á Semente, porque como ben dixo Santi é algo a nivel de Galiza, non só un caso aillado. Convivimos baixo unha asemblea xeral. Tamén queremos achegarnos ás familias que non coñecen o proxecto da Semente e que ás veces teñen dúbidas polo ensino en galego e o reintegracionismo. Hai que deixar ben claro que o reintegracionismo, para min, só ten vantaxes, porque lles dás autoestima ás crianzas para que se poidan relacionar e vexan que en países como Portugal, Brasil ou Angola poden falar a súa lingua. Así anímanse a falar galego.

Para que idades está pensado?
S.C.: As escolas de ensino en galego son para a etapa entre os dous e os seis anos, pero temos exemplos, como o de Compostela, que empezaron este ano coa Primaria, e en Trasancos, que tamén o van facer.

Ata os seis anos a educación non é obrigatoria, pero que ocorre a partir desa idade? Como se articula a ensinanza en Primaria? Séguese o plano educativo da Xunta?
S.C.: Rexístranse como escolas estranxeiras, como un colexio británico.
S.Q.: Un dos problemas que temos a nivel legal é que a lexislación en materia lingüística minoriza a nosa lingua. Iso provoca que os nenos e nenas galegofalantes, mesmo entrando falando galego, acaben perdendo a lingua. No Ensino Primario non podemos seguir os preceptos legais da Consellería de Educación en materia lingüística porque suporía a morte da nosa lingua. Legalizamos o proxecto a través dunha escola estranxeira a través dos Estados Unidos. Iso permítenos que os nenos e nenas que saen da Semente saiban un moi bo galego, un moi bo inglés e un moi bo castelán. A nosa perspectiva é plurilingüística. Se a lingua galega non é hexemónica na escola, como non o é no resto da sociedade, eses nenos e nenas non van poder ser competentes lingüísticamente. O Instituto Galego de Estatística (IGE) di no seu último informe que só un 20% de estudantes acaba a ESO sabendo falar galego. Iso é unha catástrofe para a lingua.

É dicir, que a Semente é unha escola estranxeira na propia terra?
S.Q.: Claro. É unha bonita metáfora para describir como nos sentimos moitos galegos na nosa propia patria, como estranxeiros. Moitas familias que queren transmitir o seu idioma aos seus fillos, que é un dereito humano fundamental, non o poden facer porque a Administración pública non o garante. Entón, o pobo está para organizarse e defender ese dereito.

As Sementes organízanse como asociacións?
S.C.: Exacto, menos en Compostela, que son sociedades limitadas. O resto son comunitarias e teñen en conta as asociacións que xa existen no propio concello.

Como se establecen as cotas?
S.Q.: O sistema de cotas é progresivo. Cando máis diñeiro ten unha familia, máis paga. E as familias que teñen menos recursos económicos pagan menos. Tamén hai un sistema de bolsas que garante, a través dun troco de traballo -limpeza, coidado dos espazos...- que as familias vexan reducida a súa cota mensual. Un dos principios do proxecto é garantir a accesibilidade universal á educación, como un dereito e non un privilexio.

Máis aló da lingua, cal é o sistema educativo deste proxecto?
S.C.: Algúns dos principios básicos da Semente son o contacto coa natureza; o método pedagóxico baseado no respecto ás crianzas e aos seus ritmos, como o de ir á escola con cueiro; o feminismo, un punto importante, e, por suposto, baixo todo iso ten que estar o tema da lingua, porque nos sentimos estranxeiros na nosa patria.

Hai Sementes con local cedido e outras alugado. Que fórmula se baralla en Pontevedra para conseguir un espazo?
S.C.: Non mantivemos contactos co Concello, mais sabemos que dispón dun local social en Xeve que non está uso. Unha vez constituidos como asociación intentaremos que nos cedan ese local. Sería unha grande axuda para reducir as cotas e para arrincar a Semente. Ademais dispón de cociña, amplo apacamento e espazo para horta e galiñeiro. Hai que ser optimistas e este é un bo momento para iniciar este proceso en Pontevedra.

"Moitos galegos sentímonos estranxeiros na nosa propia patria"
Comentarios