domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

As familias Bóveda, Caamaño e Paz formalizan a querela contra os crímenes franquistas

undefined
Representantes das familias Bóveda, Caamaño e Paz, coa avogada Irene Álvarez e a deputada provincial María Ortega, o luns en Vigo. DEPUTACIÓN
"Este é un momento moi importante na loita contra a impunidade e o silencio", dixo a letrada

Bóveda, Caamaño e Paz foron as tres familias pontevedresas que, en novembro de 2019, nun acto público promovido pola Deputación, anunciaron que se adherían á querela arxentina que trata de investigar os crimes franquistas. Representantes das tres familias formalizaron este lunes esa adhesión presentando, no Consulado de Arxentina en Vigo, as correspondentes querelas polos asasinatos do intelectual e político galeguista Alexandre Bóveda, do médico e político republicano Amancio Caamaño e do impresor e socialista Ramiro Paz, todos fusilados en 1936. As sentenzas que os condenaron a morte por "traizón á patria" seguen vixentes.

"Estamos nun momento no que o Estado español está a consolidar un sistema de impunidade porque non quere investigar os crimes de lesa humanidade cometidos durante toda a ditadura franquista e durante a transición", explicou a avogada Irene Álvarez, do equipo da Comisión de Dereitos humanos de Avogados Novos, organización sen ánimo de lucro que xestiona estas denuncias en colaboración coa Coordinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina (CEAQUA) e Iniciativa Galega pola Memoria, entre outros colectivos. "Este é un momento moi importante na loita contra a impunidade, o silencio e o esquecemento". dixo a letrada, en palabras facilitadas pola Deputación de Pontevedra.

"Isto debería supoñer a recuperación duns dereitos colectivos nunha sociedade desmemoriada"

Valentín García Bóveda, que estivo acompañado pola súa nai, Amalia Bóveda, sinalou que agardaba que este "non sexa só un proceso xudicial senón tamén unha vía de recuperación de dereitos colectivos de todos os fusilados e represaliados, nunha sociedade que vive desmemoriada". "Agardamos que isto sexa tamén un revulsivo para outras familias, que seguen con medo a tomar este camiño".

García Bóveda tamén criticou a Ley de Amnistía, un asunto no que insistiu Begoña Caamaño. "Nunca debió existir", dixo. "Aquí no se busca una venganza, sino un reconocimiento". Finalmente, no nome das familias, falou Cano Paz: "A idea que nos move a miña irmá e a min é continuar algo polo que loitou meu pai toda a vida, buscando papeles, indo a rexistros... e non conseguiu. Agardo que as miñas fillas tamén sigan", dixo. "Porque isto non vai acabar aquí. O Estado ten as suficientes armas como para manternos calados a nós a outros moitos".

As familias Bóveda, Caamaño e Paz formalizan a querela contra os...
Comentarios
ç