Un monolito e un acivro inmortalizarán a Fina Casalderrey na Ponte das Palabras

A AELG rende a homenaxe ‘A escritora na súa terra’ á autora de Xeve o 10 de xuño
Fina Casalderrey recibirá a homenaxe da AELG e da súa cidade. GONZALO GARCÍA
photo_camera Fina Casalderrey recibirá a homenaxe da AELG e da súa cidade. GONZALO GARCÍA

O vindeiro 10 de xuño Pontevedra ten unha cita coa súa autora máis internacional. A escritora nacida en Xeve Fina Casalderrey (1951), Premio Nacional de Literatura Infantil e nominada este ano ao Nobel da literatura infantil, recibirá a homenaxe da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da súa cidade. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a edil de Cultura, Carme Fouces, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, presentaron onte os actos da 29 edición da homenaxe A escritora na súa terra, conmemoración que este ano pon o foco na autora de títulos como Cinco bágoas por máquina, O misterio dos fillos de lúa ou o máis recente, A muller xabaril.


"Decidimos que se lle entregue a letra E a unha muller imprescindible das letras", salientou o presidente da AELG sobre a homenaxeada. "Unha persoa entrañábel. Todo aquilo que toca faino con dignidade, altura ética e tenrura", engadiu Sánchez Iglesias. 

Así, o colectivo de escritores porá en valor o nome de Fina Casalderrey coa inauguración dun monolito que levará un texto da autora e que estará ubicado na Ponte das Palabras. "É unha pedra sólida onde vai un fermoso texto dela de amor á cidade e á terra". 

Así, o 10 de xuño terá lugar a inauguración do monolito ao que seguirá a plantación dun acivro, árbore escollida por Fina Casalderrey para este acto. Logo o Teatro Principal acollerá a entrega da letra E á autora da man da AELG e haberá un xantar de confraternidade no Liceo Casino "onde estará rodeada dos seus e da veciñanza que queira acudir".  

Amor pola cidade

"O panorama literario pontevedrés é forte porque mulleres como Fina Casalderrey están nel", subliñou pola súa banda a concelleira de Cultura, Carme Fouces. 

Tamén o alcalde amosou o orgullo porque a Boa Vila abeira a unha escritora coma a de Xeve. "Esta homenaxe é absolutamente merecida, non hai ninguén que non ame a Fina Casalderrey", dixo Fernández Lores. "Gústame a súa traxectoria, o amor que profesa a Pontevedra e á lingua", engadiu o rexedor local, que non dubidou en recoñecer que cando a escoita falar "cáeme a baba". 

"Quero acoller este acto como un acto de toda a cidade", subliñou Lores, que pediu á cidade que asista aos actos en honra a Fina Casalderrey para "homenaxeala como se merece". "É un día de festa para Pontevedra".
 

Candidata ao Nobel da LIX
A Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte e da Xunta de Galicia, presentou á escritora Fina Casalderrey ao Premio Hans Christian Andersen, que supón o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo.

Este galardón é popularmente coñecido como o Nobel da Literatura Infantil, que concede o IBBY desde o ano 1956 co patrocinio da raíña Margarita II de Dinamarca. O fallo do xurado farase público na Feira do Libro Infantil de Bolonia en 2024.

Comentarios