Monte Porreiro disporá a principios de 2022 dunha nova pista polideportiva

A instalación estará no contorno do parque da Praza de Europa e custará máis de 60.000 euros
Ubicación da pista. DP
photo_camera Ubicación da pista. DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, iniciará esta mesma semana, na zona máis próxima á rúa Alemaña, os traballos de axardinamento contemplados dentro do proxecto de mellora paisaxística, da accesibilidade e da capacidade de acollida do parque da Praza de Europa, en Monte Porreiro.

Esta intervención forma parte dun conxunto de obras de remodelación que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a executar nesta céntrica área de meslecer da urbanización desde o inicio do mandato e que terán o seu colofón coa creación dunha pista polideportiva e de novos xardíns no espazo que dá cara á rúa Bélxica interior.

Unha guinda que os veciños do barrio xa poderían comezar a desfrutar a principios de 2022, xa que, como indica Iván Puentes, "o proxecto da pista, que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros, atópase no servizo de Contratación, sairá a licitación de xeito inminente e conta cun prazo de execución de dous meses desde o inicio das actuacións".

O novo equipamento multideportivo permitirá a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán, xerando un contorno para a práctica deportiva nun contexto de comunidade semellante ao do parque infantil próximo.

Entre os obxectivos contemplados na formulación deste proxecto inclúense os de mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería; xerar un espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; optimizar a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e incrementar a capacidade de acollida e confort coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación.

Tal e como subliña o tenente de alcalde, Tino Fernández, "o paso do tempo deixou a súa pegada negativa nun parque que se atopa na columna vertebral de Monte Porreiro e que é o espazo público de referencia para a realización de actividades e festas comunitarias, cunha degradación considerable da superficie".