"En Monte Porreiro vivín os mellores anos de todos; foron marabillosos"

A comunidade educativa do colexio Marcos da Portela despide á mestra Yolanda Álvarez, que se xubila despois de 38 anos de traxectoria ►"Es súper buena, se merece esto y más"
Foto de familia de pais, nais e antigo alumnado coa mestra Yolanda. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Foto de familia de pais, nais e antigo alumnado coa mestra Yolanda. BEATRIZ CÍSCAR

Cando Yolanda Álvarez (Venezuela, 1962) chegou o mércores pola mañá á súa aula do CEP Marcos da Portela sorprendeuse ao ver globos de cores e folios pendurados dun fío con cariñosas dedicatorias de despedida. Ficou abraiada, pero non tanto como cando á media mañá máis de 30 persoas apareceron cun ramo de flores e unha caixa con regaliños. Ata houbo quen, ante a imposibilidade de acudir, saudou por videoconferencia.

A homenaxeada está a poñer fin a 38 anos de traxectoria como mestra na escola pública, os últimos 27 en Monte Porreiro, donde encontrou unha gran familia que agora lle rende homenaxe ás portas da xubilación.

Curiosamente case non hai representación da rapazada que deixou eses mesmos pupitres apenas unha semana antes, pois están de excursión de fin de curso en Cabárceno. Pero si acudiu algunha nai, como Sonia. "Fue profesora de mis dos hijos y es súper buena, no hay palabras", asegura. "Se merece todo esto y más. Te ayuda con todo lo que necesitas y en pandemia, por ejemplo, su implicación fue total".

Yolanda Álvarez. Docente
"O que máis cambiou no alumnado foi a dedicación ao estudo; agora tes que andar moito máis enriba"

Entre os asistentes, alumnado seu que agora estuda no instituto e ata na Universidade, así como varias nais e pais, esa gran familia que tamén se xunta cada ano para participar nos Maios.

"Cheguei a Monte Porreiro en setembro de 1995, levo 27 anos aquí", explica Yolanda, emocionada. A súa primeira etapa no barrio foi "no colexio Monte Porreiro 1, "que foi a felicidade máis grande", pois eran "unha familia". Foi en 2006 cando se unificaron os dous centros públicos para crear o CEP Marcos da Portela, o seu destino definitivo ata a xubilación, que se fará efectiva o 31 de agosto.

A Monte Porreiro chegou como profesora de Educación Física. "Desfrutei moitísimo, apasionábame esa materia, faciamos moitas actividades, ligas...". Cando levaba dous anos no Marcos da Portela presentouse ao concurso para impartir Primeira e sacou a praza. "Desde 2008 estiven case sempre cos maiores, con 5º e 6º, menos algún ano que baixei a 3º e 4º".

A mestra Yolanda recibe un emotivo abrazo. BEATRIZ CÍSCAR
A mestra Yolanda recibe un emotivo abrazo. BEATRIZ CÍSCAR

Nacida en Venezuela, filla de pais emigrantes, veu para Galicia con nove anos e a súa familia estableceuse na Estrada, onde eran orixinarios os seus pais. Ao rematar a EXB a familia instalouse en Pontevedra e xa na capital "estudei no instituto Valle Inclán e tamén fixen aquí Maxisterio".

TRAXECTORIA. A súa carreira profesional comezou no colexio de Celulosas, "que xa non existe", e depois pasou polo Domingo Fontán de Portas, polo Pérez Viondi da Estrada –onde fora alumna "e fíxosome moi raro non tratar de vostede aos profesores, que agora eran compañeiros"– e por centros de Tremoedo e Baión antes de exercer un curso no CEIP Vilaverde-Mourente.

Xa tan preto da casa, déronlle a praza definitiva en Fisterra, como mestra de Galego. Foi o momento máis duro da súa carreira, pois acababa de ser nai por segunda vez e tivo que separarse uns meses da familia. "Alí estiven tres anos. Fixen o curso de especialización de Educación Física, en Alcalá de Henares, e xa me deron a praza definitiva, por Educación Física", coa que chegou a en Monte Porreiro. "Aquí vivín os mellores anos de todo, foron marabillosos".

Yolanda Álvarez. Docente
"As familias sempre foron moi colaborativas e sen o seu apio sería imposible educar persoas"

Preguntada polo mellor momento da súa traxectoria, reitera que "o mellor foi Monte Porreiro, sen lugar a dúbidas", pese a que en Fisterra lle dicían "que ía ser aquilo", polo "concepto que había" do barrio. "E nada diso. Foi unha marabilla. No outro centro foi marabilloso. Eramos 16 profesores, unha familia. Incluso formamos grupo de amigos, coas parellas, non só compañeiros".

Unha vez unificados os dous colexios, admite que os dous primeiros anos "foron un pouco complicados, pero despois isto foi outra marabilla. De vir a traballar con ganas e a gusto, iso é moi importante. Hai moita unión. Estas familias sempre foron moi colaborativas", subliña.

CAMBIO. Asegura que nestas catro décadas houbo unha gran transformación no alumnado, "sobre todo estes últimos anos". O que máis cambiou foi "a dedicación ao estudo", porque "tes que andar moito máis enriba". Ademais de medrar en importancia a parte emocional e "de valores", "cambiou bastante o saber estar. E tratas de educar non só a nivel académico, senón educar persoas. Iso tamén se fai grazas ás familias, sen o seu apoio é imposible. Nótase que co tempo houbo que incidir moitísimo máis, pois repercute tamén a nivel académico".

Agora a xubilación non será sinónimo de parada. "Sóbrame que facer. Pero terei máis tempo libre para viaxar e para aprender".

"Nunca te esqueceremos"
A mestra Yolanda posa con varias das asistentes á homenaxe. BEATRIZ CÍSCAR
A docente posa con varias das asistentes á homenaxe. BEATRIZ CÍSCAR
Varios alumnos leron un discurso que emocionou á protagonista e no que deixaron claro que "non é un adeus, senón un ata logo".

Sabedoría, agarimo, paciencia, dedicación, amizade, alegría e confianza foron algunhas das verbas que lle dedicaron, pois a mestra "deixa unha pegada importante no noso corazón". Ela "sempre disposta, operativa, positiva e, como non, preocupándose por todos e por todo. Non só polo centro, senón polo barrio".

Por iso a merecida despedida. "Sabemos que non foi fácil a súa decisión".

Máis que as grazas
Afirman que as grazas non son suficientes "e todo o que che poidamos dicir queda curto para expresar o que sentimos os que aquí estamos e os que non puideron asistir".

É por iso que estas palabras resumen "a felicidade, tristeza e cariño" que sente a comunidade educativa na despedida.

"Comprendemos sue o seu ciclo rematou para comezar outro, que gañou con moito esmero e dedicación", polo que lle desexan moita sorte.