Montecelo activou un novo equipo de última xeración de resonancia magnética

Esta nova aparataxe reduce a ansiedade frecuente nalgunhas persoas que se someten a este tipo de probas
Formación co novo equipo de resonancia. DP
photo_camera Formación co novo equipo de resonancia. DP

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de activar un novo equipamento de resonancia magnética de última xeración na área de Radiodiagnóstico de Montecelo.

Tras o período técnico de instalación e calibrado desta nova aparataxe de alta tecnoloxía, celébranse varias xornadas de activación en fase de formación a fin de que os profesionais supervisen as súas capacidades diagnósticas.

A resonancia magnética Elition X de Philips substitúe a un modelo anterior e ofrece técnicas innovadoras de resonancia, á vez que establece novos estándares para investigación clínica en imaxes, baseándose en novos deseños de gradientes.

Cunha extraordinaria calidade de imaxe, esta nova tecnoloxía realiza exames de resonancia magnética ata un 50% máis rápido grazas á mellora nos tempos de preparación e colocación do paciente no tubo, a través dun sistema de posición guiada sen contacto, combinada coas aceleracións tanto nos estudos 2D coma 3D. Ademais, ofrece unha experiencia audiovisual envolvente para tranquilizar aos pacientes e guiarlles a través dos exames de resonancia.

O investimento no novo equipamento é de 1.109.570 euros, para o que o Sergas contou con financiamento do Plan de investimento en equipos de alta tecnoloxía do Sistema Nacional de Saúde.

No que atinxe ao confort para os pacientes, a nova resonancia magnética incorpora técnicas de aceleración para reducir as apneas e está dotada de técnicas das que adquire gran parte da información en respiración libre do doente.

Esta nova aparataxe destaca polo espazo ben iluminado para o paciente, reducindo a ansiedade frecuente nalgunhas persoas que se someten a este tipo de probas. O equipo é menos sensible a artefactos por movemento de pacientes inquietos evitando así a necesidade de repetición de probas. Ademais, é dixital desde a propia antena receptora, grazas ao cal toda a información transmítese por fibra óptica.

Tamén inclúe ferramentas de intelixencia artificial que axudan á planificación, preparación, realización de estudos e redución de tempos de adquisición; e melloran ademais a precisión e a certeza diagnostica.

Comentarios