Montecelo despide aos 31 especialistas que completaron a súa formación

Os residentes formáronse nos hospitais e centros de saúde da área Pontevedra-O Salnés
Foto de familia na rotonda de Montecelo. SERGAS
photo_camera Foto de familia dos novos especialistas, na glorieta de Montecelo.

A Área Sanitaria celebrou onte no Hospital Montecelo o acto oficial de despedida dos 31 especialistas que remataron a súa formación nos hospitais e centros de saúde de Pontevedra e O Salnés. Neste evento, que estivo presidido polo xerente José Ramón Gómez Fernández e polos presidentes da Comisión de Docencia, os doutores Ismael Arán González e Álvaro Rodríguez Pomares, fíxose entrega dos certificados a estes residentes que completaron os anos de formación.

Deles, once son médicos de familia, dúas matronas, 14 son especialistas hospitalarios e catro profesionais da enfermería de familia. Durante a súa intervención, José Ramón Gómez aconselloulles que aproveiten ao máximo os recursos que a partir de agora se poñen á súa disposición, "os técnicos e os materiais, pero sobre todo os humanos, xa que estes son a principal fonte de coñecemento", O xerente da área sanitaria tamén lembrou "a relevante aportación organizativa" que engadiu este colectivo na continxencia asistencial planificada durante os últimos meses para minimizar o impacto da covid-19 nesta Área Sanitaria que, "co esforzo denodado e o traballo de equipo de todas as categorías profesionais, logrou manter as mellores cifras de incidencia de todas as áreas sanitarias de Galicia e España".

CALIDADE. Por outra banda, o xerente felicitou aos xa especialistas que terminaron a súa residencia nos centros sanitarios e invitounos a continuar formándose e actualizando coñecementos para acadar unha maior calidade na actividade asistencial, mantendo a prioridade do benestar da poboación á que se deben. En representación dos residentes que terminaron o seu período formativo interveu o MIR de Familia Javier López Rosell, así coma un dos presidentes da Comisión de Docencia, Álvaro Rodríguez Pomares.

A área conta con acreditación docente para formar matronas, enfermaría de Familia, enfermaría de Pediatría, enfermaría de Saúde Mental, especialistas en Medicina Familiar e imparte docencia en 22 especialidades hospitalarias, entre elas Anestesioloxía e Reanimación, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Dermatoloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía e Nutrición, Farmacia hospitalaria, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina interna, Microbioloxía e Parasitoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía e Oncoloxía.

Comentarios