Mosquera amosa en Roma o modelo urbano pontevedrés que quere aplicar na provincia

Alcaldes e técnicos italianos e turcos manifestan o seu interese en coñecer persoalmente a capital do Lérez e as prácticas aplicadas nela

Máis de cen alcaldes, concelleiros e técnicos italianos, turcos e españois coñeceron este lunes o modelo urbano pontevedrés nunha conferencia impartida en Roma polo vicepresidente provincial, César Mosquera, e polo asesor de Mobilidade da Deputación, Jesús Fole.

Ambos participaron no congreso ‘Autonomía é saúde. A autonomía de movemento das nenas e nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e para a cidade’, organizado polo investigador Francesco Tonucci, impulsor do Proxecto internacional ‘A cidade dos nenos e nenas’.

Segundo sinalou a institución provincial, os asistentes "aplaudiron o modelo urbano de Pontevedra que a Deputación quere estender na provincia, mantendo as personalidades de cada vila".

Os representantes italianos recoñeceron o traballo feito na cidade do Lérez e destacaron a "valentía política e o traballo técnico realizados para aplicar melloras urbanísticas poñendo como referencia ás persoas e, sobre todo, aos nenos". Apuntaron, en calquera caso, que, a día de hoxe, poder aplicar en Italia dito modelo "é un soño".

Foron moitos os participantes que se interesaron por realizar viaxes a Pontevedra para coñecer ‘in situ’ a cidade e as prácticas aplicadas. Así, nos vindeiros días concretaranse as datas para recibir expedicións de concellos turcos e das proximidades de Roma.

Na quenda de preguntas formuláronse numerosas cuestións relativas ao proceso de transformación da Boa Vila, así como a posta en marcha do ‘metrominuto’ e a necesidade de aplicar unha proposta coordinada dende a Administración.

Durante a súa intervención, Mosquera explicou que "recuperar a cidade para os cidadáns e os nenos é unha necesidade na sociedade actual e non unha utopía bucólica sen outro motivo que a nostalxia, xa que en Pontevedra se demostrou que tan pronto houbo a mínima oportunidade, os veciños recomezaron a ocupar os espazos públicos, pois non os abandonaran voluntariamente, senón que foran expulsados para poder adicar ese espazo aos coches".

Tamén subliñou que é posible reconverter a cidade nunha área de autonomía infantil cun cambio de plantexamento e un bo coñecemento da mobilidade urbana.

Pola súa banda, Jesús Fole fixo unha análise da situación de Pontevedra anterior a 1999, cando a prioridade das zonas públicas era totalmente inversa á actual, e achegou datos sobre o tráfico medio que soporta agora a cidade, os datos de contaminación, así como de feridos en accidentes.

A seguinte parada de Mosquera e do asesor provincial será Barcelona, na ‘XI Jornada Tècnica de Mobilitat’.

O asesor provincial de Mobilidade presentou unha proposta de transformación dunha praza romana