Mosquera anticipa unha "revolución absoluta" no Museo de Pontevedra

A Deputación ultima "o impulso definitivo" á rehabilitación dos edificios centrais coa aprobación do proxecto nun pleno extraordinario que se celebrará o 19 de maio ▶ Patrimonio propón recuperar o encalado exterior de acordo co obxectivo de achegarse ao deseño orixinal

Vista de la reforma interior prevista para los edificios centrales del Museo. DP
photo_camera Unha das imaxes facilitadas pola Deputación na que se recrea como quedará o interior dos edificios centrais do Museo.

A rehabilitación dos edificios da Praza da Leña e a reforma do antigo convento de Santa Clara afectará de forma importante ao conxunto do Museo de Pontevedra. Anunciouno este luns o vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, que asegurou que estas obras "suporán unha revolución absoluta".

Mosquera compareceu para informar de que a Deputación ultima estes días o que será "o impulso definitivo" á rehabilitación dos denominados edificios centrais do Museo. Farao coa aprobación do proxecto, nun pleno extraordinario que se celebrará o 19 de maio

Ese pleno provincial terá lugar xusto un día despois de que o pleno municipal aprobe a modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) do centro histórico de Pontevedra, que vén de conseguir o informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia. "Con estes trámites resoltos, podemos proceder a pedir a licenza e abrir a licitación para a contratación das obras", explicou Mosquera, que tamén indicou que o obxectivo é comezar os traballos finais de ano e que o orzamento do proxecto se achega aos oito millóns de euros (7.937.947).

En relación co orzamento, o vicepresidente recordou que para acometer esta rehabilitación se conseguira unha subvención de tres millóns de euros, "o máximo importe posible", do Programa de Impulso a la Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), que achega o Goberno do Estado a través de fondos fondos europeos Next Generation

 A consecución desta axuda do PIREP obriga a que se cumpran uns prazos e dalgunha maneira púxolle data definitiva á fin dos traballos na Leña. "A obra debe estar acabada antes de 2026".

Mosquera lembrou que, chegados a este punto, só queda que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta dea o visto bo á reforma e neste sentido "as conversas están moi avanzadas". A Deputación está disposta a valorar e incorporar as súas achegas, a máis importante: a recuperación do encalado exterior dos edificios.

"O proxecto que se vai aprobar respecta ao máximo toda a edificación que existe agora. O único que non se respectará é o paso soterrado actual, unha auténtica atrocidade, estreitiño, lúgubre, que sobe e baixa, no que se bate coa cabeza e que só usaba persoal de seguridade. Substitúese por unha única conexión soterrada, digna e ampla, que soluciona un dos problemas máis graves dos edificios, a accesibilidade". Iso por unha banda. "Polo demais, os interiores serán diáfanos e os forxados seguen a ser de madeira, a pesar de ser unha solución difícil polo que esixiu tecnicamente". Por outra banda, no exterior, "a única novidade é esta suxestión de Patrimonio que ten que ver con que os edificios orixinais estaban caleados. É razoable. A pedra era un elemento estrutural, salvo onde estaba traballada, nos dinteis e arredor das portas. Queda a posibilidade de deixalo como está, pero a suxestión de Patrimonio é esta". Non sería a primeira vez que se fai en Pontevedra. O Concello xa recuperou o encalado doutro edificio histórico da cidade, o do Teatro Principal, no ano 2015, da man de Luís Bará.

A maiores de todo o referido aos edificios da Praza da Leña, sobre Santa Clara, Mosquera lembrou que seguen as negociacións co Arcebispado para que permita o acceso pola porta lateral do edificio das Obras Pontificias, unha vez que descartou a súa venda. "Van por bo camiño. Os estudios que foron seleccionados para presentar un anteproxecto para esta reforma xa foron informados de que a incluíran". O vicepresidente tamén lembrou que o día 24 de maio remata o prazo para que os cinco estudios finalistas do concurso (Nieto Sobejano, Kengo Kuma, David Chipperfield en UTE con Carlos Seoane, Kaan Architecten BV e Snohetta Oslo en UTE con Alfonso Penela9 presenten as súas propostas. O día 29 quedará constituído o xurado que as avaliará os días 5, 6 e 7 de xuño. A mediados de xuño coñecerase o nome dos escollidos para deseñar o proxecto final. "A finais de ano deberiamos telo e a mediados do ano que vén, comezar as obras, que durarían uns tres anos".

Un cambio radical de cara á celebración do centenario en 2027

"O máis importante é que a finalización de todos estes traballos dos que estamos falando coincidirá no tempo coa celebración do centenario do Museo, no ano 2027". O director da institución, Xosé Manuel Rey, quixo poñer o foco, na comparecencia deste luns, en que o seu equipo traballa coa vista posta no 100º aniversario da entidade museística (fundada o 30 de decembro de 1927). "Vai ser un momento importantísimo, no que todas estas reformas deberían estar operativas para festexar ese centenario por todo o alto".

Xosé Manuel Rey: O que estaba nos edificios centrais no seu momento terá cabida nun espazo ou noutro, aínda que non sabemos se exactamente igual

O que non quixo Rey foi avanzar cales serán os usos aos que se destinarán os novos espazos. "Estamos perfilando o que será o programa funcional". Insistiu, iso si, nos xa confirmados para o antigo convento, por exemplo, que se converterá no espazo que albergará a xestión integral da colección arqueolóxica e que reservará un lugar destacado para a presentación da evolución da historia conventual. Preguntado polos contidos que existían no Edificio Castro Monteagudo en concreto, si que confirmou que "o que estaba nos edificios centrais no seu momento terá cabida nun espazo ou noutro, aínda que non sabemos se exactamente igual".

César Mosquera: O Edificio Castelao demostrou as súas limitacións, que son bastantes. O salón de actos está infrautilizado e non cumpre

Aquí o director apuntou unha cuestión clave no futuro do Museo: como lle van afectar estas reformas, unha vez rematadas, ao conxunto dos espazos. "Todo isto danos a posibilidade de repensar o Museo no seu conxunto", adiantou. "Incluídos, os edificios Castelao e Sarmiento". Actualmente alí están as exposicións permanentes e temporais, por exemplo. 

En relación con estes cambios vai a "revolución" anunciada por Mosquera, que se mostrou moi crítico, por exemplo, co deseño do Edificio Castelao. "Vai cambiar todo, absolutamente todo", dixo. "Veremos que se fai co salón de actos do edificio Castelao, que realmente está infrautilizado e non cumpre. Este edificio demostrou as súas limitacións, que son bastantes. Haberá que telas en conta e igual refacer o que sexa". E rematou: "Todo isto vai supoñer un antes e un despois absolutamente radical no Museo. Non teño ningunha dúbida". 

A punto de cumprir dez anos pechados ao público
Os denominados edificios centrais do Museo de Pontevedra pecharon ao público en 2014, despois de que a Deputación, naquel momento gobernada polo PP, informara de que era necesario acometer unhas reformas nos inmobles. 
Ao ano seguinte, PSOE e BNG fixéronse cargo do Goberno provincial e encargaron unha nova auditoría que confirmou o mal estado dos edificios. En 2019 anunciouse unha gran reforma que incluiría un soto a dous niveis que conectaría os tres edificios da Praza da Leña: Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López. Tras a adquisición do antigo convento de Santa Clara, esa reforma modificouse pola actual. Despois de anunciar que as obras comezarían en 2021, chegou a pandemia e pasouse a falar de mediados de 2022. Nesta última comparecencia, Mosquera anunciou que sería a finais deste ano.
Ao ano seguinte da fundación do Museo de Pontevedra, en 1928, a institución fíxose cunha casa do século XVIII na Praza da Leña, propiedade de Casimiro Gómez. Foi a primeira sede do Museo. A ela se uniron despois, a mediados de século, na mesma localización, os edificios García Flórez e o Fernández López, ambos do século XVIII.

Comentarios