lunes. 24.02.2020 |
El tiempo
lunes. 24.02.2020
El tiempo

Mosquera anuncia un novo acelerón ao Plan Revitaliza de compostaxe

Carmela Silva e César Mosquera na reunión cos representantes dos concellos, este mércores. GONZALO GARCÍA
Carmela Silva e César Mosquera na reunión cos representantes dos concellos, este mércores. GONZALO GARCÍA
Carmela Silva precisa que 44 dos 61 concellos da provincia participan no modelo de tratamento impulsado pola Deputación

"Se na provincia de Pontevedra se compostaran os residuos orgánicos que se producen, só con iso, cumpriríamos os obxectivos de redución de emisións de CO2 que se fixaron no Cumio de París". Así o manifestou este mércores o vicepresidente César Mosquera nunha reunión cos concellos para facer balance do Plan Revitaliza e para enfocar os seguintes pasos a dar.

Nesta xuntanza o asesor de residuos da Deputación, Carlos Pérez, foi o encargado de expoñer a alcaldes, alcaldesas e outros representantes dos concellos os datos conseguidos ata o de agora nos municipios Revitaliza máis avanzados.

Segundo dixo Mosquera, "hoxe –por este mércores– estamos co Cumio de Madrid, pero nós xa empezamos no 2015 intentando cumplir cos obxectivos", poñendo sobre a mesa que nestes momentos a previsión é que varios concellos cumprirán os obxectivos marcados pola Unión Europea de reciclar en 2020 o 50% de todos os residuos producidos: Mondariz Balneario, Mondariz, Vilaboa, O Grove e As Neves. "Pontevedra andará cerca, con zonas que cumplirán sobradamente, pero pódovos asegurar que eses van ser os únicos de Galicia e probablemente do Estado. Dos moi poucos de Europa", dixo.

O vicepresidente amosouse optimista e indicou que será posible incluso que outros concellos dos que van aplicar a compostaxe como modelo de forma global a curto prazo cumpran coas cifras (Valga, Poio, Tomiño, e Illa de Arousa). Segundo dixo, de feito, hai concellos nos que de reciclaxe superan claramente o 30% de mellora e nos últimos meses van subindo porcentualmente de forma clara.

FUTURO. Con respecto ao futuro, César Mosquera sinalou que a cuestión fundamental é que a Deputación está en condicións de "ir máis rápido" axudando aos concellos. "Ata o de agora fomos rápido pero con pés de plomo para que non houbese situacións que creasen disfuncións. Agora, co coñecemento que temos de cómo están a funcionar cuestións técnicas e sociais, podemos garantir que somos quen de ir máis rápido", explicou, pedindo ao mesmo tempo máis implicación por parte dos gobernos locais.

Neste sentido, Mosquera anunciou que se vai reforzar o Revitaliza na parte do Goberno provincial e, ademais do traballo dende a Vicepresidencia, incorporarase á xestión diaria o deputado Uxío Benítez "co fin de atender con máis detalle e máis mimo, porque son moitos concellos, cada vez máis, máis persoal, e máis factores a ter en conta", subliñou.

Por último, o nacionalista gabouse asegurando que "temos un sistema que está botando a andar que é do máis rápido do mundo. Non é só que estean mirando no Estado, no resto de Galicia ou en Portugal ou en Europa. É que no resto do mundo están a mirar para este modelo. Non houbo ningún que fora tan rápido. Está dando os seus froitos e vai dar máis nunha cuestión de moi curto prazo".

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, felicitou ao vicepresidente Mosquera por "poñer en marcha un proxecto valente, como o Plan Revitaliza, novidoso, que nos ten convertido nunha referencia, implicando aos concellos e á cidadanía para cambiar os hábitos e tratar os residuos sólidos de forma respectuosa".

Silva recordou que no plan están implicados 44 concellos de 61. Ademais recibiu numerosos recoñecementos internacionais e adiantou que no Cumio Mundial do Clima, ao que está convidada a Administración provincial, se "falará da aposta da Deputación por todo o que ten que ver coa transición ecolóxica, e o Plan Revitaliza é un dos elementos transcendentais para poder amosar ao mundo que esta administración está a facer un enorme esforzo para impulsar un proxecto claro que salvagarde o Medio Ambiente".

PONTEVEDRA REDUCE UN 1,81% OS SEUS ENVÍOS A SOGAMA

O asesor de residuos da Deputación, Carlos Pérez, insistiu en que o Revitaliza é un plan baseado na compostaxe pero que ten a vocación de afrontar a xestión de todas as fraccións do lixo.

O experto explicou que os datos máis fiables son os que se miden en quilogramos/habitante e día. Con ese parámetro como base destacou que en Galicia e na provincia de Pontevedra produciuse unha evolución paralela da xeración de lixo e dos envíos a Sogama dende 2011, e incidiu en que, dende a aparición do Revitaliza, nos concellos máis avanzados vese claramente unha tendencia distinta –reducindo os envíos a Sogama e aumentando de forma ‘simpática’ a reciclaxe de inertes–.

Con números na man, Pérez destacou que no último ano o Concello de Pontevedra mellorou a súa recollida selectiva con respecto a 2015 en máis dun 37% e, no último ano, baixou os envíos a Sogama nun 1,81%. Insistiu en que a tendencia é claramente de redución de envíos e aumento de reciclaxe, asegurando que os resultados macro notaranse aproximadamente no ano 2022 polas dimensións poboacionais e a aplicación do modelo.

Carlos Pérez dixo que, no caso de Vilaboa, o concello vén de mellorar a súa recollida selectiva de inertes nun 78,55% dende 2015, de reducir os envíos a Sogama nun 16,66%, e de situar a súa taxa de reciclaxe total sumando as fraccións de papel, vidro, e envases xunto á parte orgánica no 19,41%.

Mosquera anuncia un novo acelerón ao Plan Revitaliza de compostaxe
Comentarios