Mosquera insta a eliminar clichés sobre o tráfico para recuperar o espazo

O vicepresidente provincial impartiu en Logroño un seminario sobre mobilidade urbana e falou sobre a "desaparición" de vehículos
Uxío Benítez e César Mosquera, no seminario sobre tráfico urbano celebrado en Logroño. DP
photo_camera Uxío Benítez e César Mosquera, no seminario sobre tráfico urbano celebrado en Logroño. DP

"Hai que eliminar clichés e mitos falsos sobre o tráfico urbano para poder actuar con determinación no deseño das cidades e recuperar o espazo público para as persoas".

Así de claro se amosou este mércores en Logroño o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no seminario que impartiu convidado polo concello rioxano.

O obradoiro tiña como título Elementos básicos do comportamento do tráfico urbano, e nel participou persoal político e técnico do Concello de Logroño, dos colexios de Enxeñeiría e de Arquitectura de La Rioja, tamén a directora da DXT, do departamento de Estradas do Goberno de La Rioja, e da Plataforma de Mobilidade da comunidade.

Na súa intervención, Mosquera subliñou que, en moitas ocasións, cando se propoñen modificacións na mobilidade das cidades pártese de premisas erróneas que poden perverter a toma de decisións políticas axeitadas, coartando cambios que beneficiarían ao conxunto da veciñanza. En concreto, o nacionalista fixo referencia á necesidade de coñecer o concepto de "desaparición do tráfico" cando se limita ou corta o paso de vehículos nunha rúa.

O TRÁFICO DESAPARECE. Explicou que cando se restrinxe o tráfico nunha vía sempre xorde a pregunta de cara onde se desvía ese tráfico, cales son as vías alternativas polas que pasa a circulación, cando na realidade, explicou, "o fluxo de vehículos non se desvía, senón que na meirande parte, deixa de existir". O vicepresidente subliñou que hai datos corroborados "unha vez e outra" de que en certas zonas o tráfico que existe "é de axitación", o dos coches que dan voltas buscando unha praza de aparcamento, que pode chegar ata o 90%, e de outra boa parte é tráfico non necesario de persoas que poderían facer o seu desprazamento camiñando.

Para Mosquera, ordenar eses tráficos innecesarios e de axitación supón "un favor á persoa que está a cabrearse dando voltas buscando a praza imposible, e un favor á cidade porque a tranquiliza e gáñase un espazo público".

Explicou que en Pontevedra, no conxunto da vila, rebaixouse o tráfico máis do 50%; no primeiro anel dous terzos, e un 90% na parte histórica: "Houbo un efecto absolutamente lóxico a pesar de parecer contraditorio. A pesares de que parece lóxico dar maior capacidade a unha vía para mellorar o tráfico, ao reducilo funciona moitísimo mellor. Non hai retencións", subliñou.

Pola súa banda, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, que tamén tomou parte do seminario, explicou o "Modelo Ágora" de recuperación do espazo público que se está a estender en boa parte dos concellos da provincia grazas á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público.

Subliñou que se ten demostrado que o modelo "das persoas primeiro" e a premisa de que o espazo público é un dereito é perfectamente aplicable en vilas de diferente condición, sempre adaptando ás características particulares de cada unha.

Antes de iniciar o seminario a comitiva pontevedresa foi recibido polo alcalde de Logroño, Pablo Hermoso de Mendoza; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Esmeralda Campos, e o concelleiro de Mobilidade, Jaime Caballero.

Hermoso manifestou que o traballo feito en Pontevedra e pola Deputación na provincia nos últimos anos é un "referente" para o traballo en Logroño. Subliñou que o exemplo galego "veu demostrar que as cidades enriquécense cando se avoga por priorizar as persoas no deseño urbano"

Comentarios