O Concello: "A Xunta ten decidido que non quere facer a variante de Alba"

O edil de infraestruturas, César Mosquera, lamenta que, "tras moitos anos de estudo dos trazados, agora vexan que é viable"
César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, asegurou este xoves que a decisión da Xunta ao respecto da variante de Alba "está tomada": “A Xunta ten decidido que non quere facela”.

Así o dixo logo de que este mesmo mércores o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, volvera pór a pelota no tellado do Concello ao dicir que está á espera dunha nova proposta municipal.

"Ou ben se trata desta explicación ou están recoñecendo que son uns inútiles, xa que logo de ter estudado durante moitos anos os diversos trazados e ter escollido un, chegan á conclusión de que non é viable”, afondaba o edil nacionalista.

Mosquera lembrou que a actual estrada de Alba, a PO-225, é propiedade da Xunta. “Mesmo nestes días quedou outro camión baixo a ponte do tren”, recordou, antes de engadir que o Goberno galego "parece que está contento con ela”.

O edil incidiu en que o proxecto xa figuraba no Plan Move da Xunta de Galicia de 2011, pero, engadiu, "neste momento ten decidido non facela, xa que é a Xunta quen a ten que facer”.

Segundo o concelleiro de Infraestruturas, a consecuencia desta decisión é que a parte sur do municipio, “desde o punto de vista das infraestruturas está nunha situación aceptable", e na parte norte "a situación é catastrófica e caótica".

Comentarios