Mosteiros como o de San Benito de Lérez servirán de reclamo turístico das Rías Baixas

O obxectivo é que os visitantes poidan coñecer as experiencias relixiosas e históricas que ofrecen estes edificios

Mosteiro de San Benito de Lérez. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera Mosteiro de San Benito de Lérez. DAVID FREIRE (ADP)

A Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, puxo en marcha un novo produto turístico ao redor dos mosteiros que se poden visitar na provincia.

Esta oferta, que recibe o nome de Mosteiros das Rías Baixas, enmárcase dentro da campaña Fame de experiencias, posta en marcha hai unhas semanas para promocionar a provincia de Pontevedra como destino turístico.

Mosteiros das Rías Baixas busca, segundo explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, que os turistas poidan coñecer as experiencias relixiosas e históricas que ofrecen estes edificios, relacionándoos coa paisaxe ou coas lendas da tradición galega.

Para iso, a Deputación editou unha guía en castelán, galego e inglés que recolle todos os mosteiros da provincia e, ademais, ofrece a posibilidade de facer visitas virtuais a cada un deles a través da web de Turismo Rías Baixas e con lentes de realidade virtual.

Silva destacou que só no mercado anglosaxón hai uns catro millóns de persoas "que se moven polo mundo para ver pedras", polo que considera que esta campaña debe ir dirixida a atraer a estes turistas e pór en valor o patrimonio da provincia.

A guía ofrece información sobre a historia, a estrutura de construción, os modos de vida, os oficios, as lendas ou a actividade económica dos mosteiros de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda), Santa María de Aciveiro (Forcarei), Santa María de Armenteira (Meis), San Xoán de Poio (Poio), San Benito de Lérez (Pontevedra) e Santa María de Oia (Oia).