Unha mostra de arqueoloxía pontevedresa percorrerá España

A Deputación adxudica por máis de 297.000 euros o contrato para a súa posta en marcha

Imaxe de arquivo de castros no Monte de Santa Tegra. (A Guarda). GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe de arquivo de castros no Monte de Santa Tegra. (A Guarda). GONZALO GARCÍA

A Administración provincial, na súa Xunta de Goberno deste venres, aprobou a concesión do contrato para a produción e itinerancia da exposición Galaicos: un pobo entre dous mundos á empresa Proasur. A mostra, que se desenvolverá ao longo de tres anos, visitará os principais museos arqueolóxicos do Estado: o Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid, o Museo da Prehistoria de Valencia e o Museo Nacional d"Arqueología de Catalunya en Barcelona, así como o Museo de Pontevedra. En cada unha destas cidades, a exposición manterase entre catro e seis meses.

Así o anunciou este venres en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que anunciou que a mostra se inaugurará o próximo mes de outubro no Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid. A rexedora provincial afirmou que tentaría que o ministro de Cultura, José Guirao, estivese presente na inauguración.

Proasur terá un prazo de 63 días para a produción da mostra e a entrega da documentación, á que seguirá unha segunda fase de 28 días para a execución desa primeira itinerancia prevista para Madrid. Será a comezos do mesmo mes de outubro cando se anuncien as datas nas que estará a exposición en cada unha das catro cidades que visitará.

Galaicos: un pobo entre dous mundos amosa unha representación da cultura galaica desde a Idade de Bronce ata a Antigüidade tardía. A mostra, enmarcada no programa integral para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia, será segundo Carmela Silva "unha exposición impresionante que será unha referencia en todo o Estado durante tres anos e dará moito do que falar". "Imos levar dous mil anos de historia da provincia aos mellores museos do Estado español", engadiu a mandataria provincial.

A presidenta da Deputación afirmou tamén que a itinerancia desta mostra podía supoñer unha "importante promoción do turismo cultural e arqueolóxico da provincia" e que a "ampliación da oferta turística e a desestacionalización da demanda" eran dous obxectivos fundamentais da súa posta en marcha. Carmela Silva destacou tamén o carácter "científico" do proxecto e tamén o "socioeconómico", xa que afirmou que con el se estaban a recuperar os espazos patrimoniais "como espazos sociais, creando postos de traballo relacionados co turismo e a cultura".

CONTIDO DA MOSTRA. A exposición contará con entre 60 e 70 composicións de carácter didáctico e adiovisuais. Carmela Silva destacou que incluiría "pezas de altísimo valor patrimonial". Galaicos, un pobo entre dous mundos, conta con sete eixos temáticos cronolóxicos, comezando con Un pobo entre dous mundos. No segundo, Campesiños e guerreiros, recóllese o final da Idade de Bronce poñendo especial énfase no Castro da Cabeciña (Oia). O terceiro eixo, titulado Pobos fortificados, amosa a vida nos comezos da Idade de Ferro, dando a coñecer o Castro de Penalba (Campo Lameiro).

A mostra continúa con O Atlántico ábrese ao Mediterráneo, que chega xa á etapa final da Idade de Ferro e se centra nos xacementos de Castrolandín (Cuntis), Alobre (Vilagarcía), Santa Tegra (A Guarda), Monte do Castro (Ribadumia) e A Lanzada (Sanxenxo). O seguinte eixo temático é Na esfera de Roma: Gallaecia, no que se dá a coñecer a nova articulación do territorio a través dos castros de Adro Vello (O Grove), Bueu, das Salinas de Vigo ou da Illa de Toralla (Vigo). O sexto tema da mostra é A provincia de Gallaecia. Finais do século IV e inclúe imaxes dos xacementos arqueolóxicos de Porta de Arcos (Rodeiro) ou Monte do Facho (Cangas). Xa para rematar, a exposición recolle baixo o lema Unha paisaxe chea de historia imaxes que permitirán ás persoas visitantes coñecer os xacementos e valorar a importancia da paisaxe arqueolóxica da provincia.

Comentarios