Unha mostra recorda o labor a prol da lingua da comunidade galega no exilio

A mostra GalizAmérica completarase con conferencias e a proxección do filme de Margarita Ledo 'A cicatriz blanca', que fala da diáspora dende o punto de vista das mulleres migrantes

Margarita Ledo, Carmen Carreiro e Xosé Leal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Margarita Ledo, Carmen Carreiro e Xosé Leal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"América foi ese facho de iluminou a nosa lingua durante o Franquismo, por iso é importante amosar o que se defendeu desde fóra", explicou este martes o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, para anunciar a posta en marcha da mostra GalizArte. A exposición, enmarcada dentro das actividades do Ano da Lingua, será itinerante por varios concellos da provincia e tende pontes a América para coñecer o traballo a prol da lingua dos galegos na diáspora.

A mostra, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro durante a presentación do martes, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. "Sempre se dixo que Galiza foi submisa co franquismo e iso non é certo, o exilio é unha consecuencia da represión e por tanto unha forma de loita", indicou a comisaria. A este apartado corresponden paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado corresponde ao que Carmen Carreiro denominou "a xenerosidade de América" e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega.

Sobre esta parte da exposición, a comisaria fixo unha reflexión relacionada cos tempos actuais indicando que "nun momento como o actual no que a sombra da xenofobia percorre Europa temos que ter presente a que nos podemos ver abocadas as persoas en situacións extremas, e é importante ter o corazón e a cabeza solidarios". A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia "nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí". Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.

Deste xeito, segundo a comisaria da mostra, esta "quere ser a reivindicación dos galegos que fixeron que América fora a nosa voz cando nos roubaron a palabra". A exposición percorrerá as localidades de O Grove, Gondomar, A Guarda, Redondela e Poio. O primeiro lugar onde recalará GalizAmérica será na Sala das Cunchas do Grove, onde estará exposta entre mañá e o 27 de setembro, Así, tras a inauguración de mañá haberá unha conferencia de Rosario Portela ás 20.00 horas sobre a edición en Galicia.

A cicatriz branca, de Margarita Ledo
Como actividades complementarias, en cada concello terá lugar unha conferencia a cargo dunha persoa que teña investigado sobre o exilio e a diáspora, e en todos se proxectará o filme A cicatriz branca de Margarita Ledo.

A propia Ledo explicaba este martes que "é un filme de xénero, feminista pero que se grava e por primeira vez na diáspora e en galego".

O filme foi escollido para darlle voz ás mulleres da emigración. "Hai moito sobre a emigración contado en masculino pero poucas veces se lles dá voz ás mulleres, que en moitos casos emigraron soas, e que sufriron acoso sexual ou que emigraron por ser vítimas de estigmas como ser filla dun cura", asegurou Ledo.

Comentarios