Moteiros en tempos de pandemia

O motoclube A Rosa dos Ventos de Poio vén de suspender a súa tradicional quedada por "coherencia". O colectivo colabora coa difusión de iniciativas para cativos e coa dinamización do concello 
Membros do motoclube A Rosa dos Ventos de Poio xunto á estatua do moteiro. CEDIDA
photo_camera Membros do Motoclub A Rosa dos Ventos xunto á estatua do moteiro. CEDIDA

REMATOU a visión estereotipada dos moteiros encoirados e bebedores de cervexa. Estes son solidarios, concienciados e unha gran familia onde todos e todas teñen cabida. O Motoclub A Rosa dos Ventos de Poio celebrou a súa primeira concentración moteira en 2009, iniciando un camiño no que "dar a coñecer Poio dentro do noso ámbito e crear conciencia" estivo sempre presente. Tan só a crise económica puido adiar en 2012 este evento tan agardado ao longo do ano, e que reúne en Poio a moteiros de todo o Estado. "Era inviable. Para facer o evento precisamos subvencións, e como a situación non era boa, non quixemos utilizar os diñeiro público para festas", explica o presidente de A Rosa dos Ventos, Manuel Torres. Agora, unha nova crise, esta vez sanitaria, volve suspender a que ía ser a XI edición da concentración moteira, prevista para o 10, 11 e 12 de xullo deste ano.

"Sentámonos a valoralo e chegamos á conclusión de que era mellor suspender, por coherencia. O evento tiña un custe de arredor de 35.000 euros e entendemos que os cartos que iamos recibir en subvencións débense utilizar para paliar as perdas dos veciños e veciñas que teñen negocios. Ademaias, sería unha falta de respecto ir pedirlles cartos para festas aos comerciantes e hosteleiros de Poio que nos patrocinan, cando eles estiveron pechados", aclara o presidente. E, por suposto, está o tema sanitario. "A concentración trae a xente de todo o Estado. Non queremos arriscar a que se produzan contaxios no noso evento, a saúde está por riba de todo". Pero esta non é a fin. O vindeiro ano, nas mesmas datas, volverá a concentración moteira co mesmo cartel que xa estaba contratado este ano. "Cambiala de data tampouco era unha opción. Entre os clubes moteiros temos un código de respeto, e non pisamos datas doutras concentracións. Nós temos a nosa reservada, e así se fará".

ACTIVOS E SOLIDARIOS. A Rosa dos Ventos, que conta con 22 socios e socias, non baixou a garda durante a pandemia. Ademais de poñerse á disposición do Concello de Poio para calquera tarefa que poida precisar voluntarios, o club estivo moi activo na difusión de iniciativas para cativos a través das redes ou na colaboración co comercio e hostelería local para axudar á súa recuperación.

Recentemente acaba de adaptar un conto para que os nenos se entreteñan coloreando durante os días de confinamento, que xa comezan a remitir. Ademais, de cara ao comezo do curso escolar, planean continuar as charlas de concienciación a xóvenes sobre o mundo das motos, nas que abordan os potenciais perigos e os animan a unha conducción responsable.

Por outra banda, o club puxo en marcha unha iniciativa a través da cal, calquera que pase pola estatua do moteiro, inaugurada en 2016, e faga unha foto con ela, obterá un cupón de desconto para a hostelería local, coa fin de promocionar o consumo nos establecementos poienses. "Normalmente sempre é a hostelería a que nos axuda a nós, agora queremos axudalos nós a eles", asegura o presidente de A Rosa dos Ventos. Deste xeito, ven a oportunidade de impulsar o punto no que se atopa a estatua como parada obrigatoria nas rutas moteiras, o que implica que Poio sexa tamén unha parada obrigatoria e, por consecuencia, o seu comercio e hostelería. "A idea é que, a través desta estatua, Poio sexa unha referencia tamén no mundo da moto", conta.

Na loita contra o virus, A Rosa dos Ventos fixo toda unha declaración de intencións. O club adaptou o seu logotipo para estes tempos difíciles a unha nova imaxe na que aparece un moteiro vencendo ao virus cunha rosa dos ventos ben afiada, e vén de compartir nas súas redes unha guía da desescalada para moteiros, na que informan que a partir da fase 3 xa se poderán facer saídas en pequenos grupos de motos. Aínda que o club planea xuntarse pronto, xa ten data para o próximo evento, se a situación o permite e, iso si, a porta pechada: mudará en xullo a concentración de Poio por unha xuntanza en familia cos clubes amigos de Trives e Sanabria. ·É unha oportunidade para confraternizar". Pero sempre con precaución. Mentres o virus siga activo, o club pide "sobre todo responsabilidade".

Comentarios