'Motim' a bordo do Museo de Pontevedra

Unha exposición de ilustración portuguesa contemporánea con obras de 38 creadores protagoniza a véspera da inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Motim no Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Motim no Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Un motim é unha rebelião, um movimento desobediente criado para transformar, é un acto colectivo que interfere na ordem natural das coisas". A explicación preside a exposición 'Motim. Movimento de ilustração portuguesa', que onte quedou inaugurada no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Comisariada pola artista Mafalda Milhões e conformada por obras de 38 autores fundamentais da ilustración contemporánea do país veciño, a apertura da mostra protagonizou a véspera da inauguración do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (hoxe, ás 12.00 horas, no Pazo da Cultura).

Carpe Librum e O Bichinho de Conto están detrás desta proposta, que conta co apoio da Direção-Geral do Livro, dos Arquivos e das Bibliotecas (DGLAB) de Portugal, e que serviu para darlle a benvida ao Salón á delegación da literatura convidada deste ano, a lusófona, como xa servira tamén unha mostra no mesmo espazo o ano pasado á delegación de México.

PEQUENAS ACCIÓNS. "Entendemos o motín co significado de inquedar e de quitar do sitio o que está aparentemente ben", explicou Mafalda Milhões. "Para esta mostra fixámonos moito nas pequenas accións e incluimos milleiros de pequenas revolucións. Tratábase de enxalzar a liberdade do creador, de entendelo como un revolucionario activo que lle devolve a vida ao cotián".

Segundo comentou a comisaria, a pesar de ser a revolución o lema deste Salón do Libro e de titularse a exposición 'Motim', "non se tratou de facer unha mostra de ilustración sobre as revolucións mundiais ou sobre a Revolução dos Cravos", aínda que recoñeceu "que estar en abril en Pontevedra é un privilexio e xa en si mesmo, para nós, unha revolución".

Milhões estivo acompañada onte pola concelleira de Cultura, Carme Fouces, e polo deputado provincial da mesma área, Xosé Leal. "Das revoltas saen cousas moi interesantes", sinalou a primeira, que lembrou como o ano pasado o Salón xa iniciara unha colaboración co Museo de Pontevedra instalando no Sarmiento unha grande exposición de ilustración mexicana. "Parécenos unha proposta redonda". Pola súa banda, Leal falou da importancia da relación entre a cultura galega e a portuguesa, ao tempo que se referiu ao Salón como "un dos eventos culturais máis importantes do país".

Comentarios