A Moureira por dentro

A III Semana do Patrimonio Invisible inclúe visitas a tres novos espazos: o Pazo de Gandarón, o mosteiro de San Salvador de Lérez e o barrio mariñeiro da cidade ► Grupos de 15 persoas realizarán cinco percorridos diarios entre o 14 ao 16 de xullo
Barrio da Moureira. ADP
photo_camera Barrio da Moureira. ADP

O Pazo de Gandarón (sede da Misión Biológica de Galicia), o mosteiro de San Salvador de Lérez e o barrio da Moureira son os tres novos espazos que se poderán visitar na III Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra. O concelleiro Xaquín Moreda presentou este o ciclo de percorridos, que terá lugar entre o 14 e o 16 de xullo e que se completará con roteiros polo Arquivo Provincial e polo cemiterio de Santo Amaro, xa visitados noutras edicións.

"Poderanse descubrir cinco espazos, tres deles novos", explicou o concelleiro, que tamén destacou que, por primeira vez, se realizará unha ruta por unha zona totalmente exterior, como é o barrio da Moureira, e que dous dos percorridos serán dobres: precisamente o da Moureira, que incluirá unha visita á sede do Gremio de Mareantes, e o do cemiterio de Santo Amaro, que tamén se achega ao depósito da auga, obra como o camposanto do arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero.

Pazo de Gandarón. ADP
Pazo de Gandarón. ADP

As visitas realizaranse en grupos de 15 persoas, "unha cifra que garante o discurso da proposta e a protección de elementos patrimoniais", explicou Moreda. Cada día programaranse cinco percorridos, cada un deles a un dos lugares escollidos para a proposta. Serán ás 11.00, ás 12.00, ás 18.00, ás 19.00 e ás 20.00 horas. "En total poderán facer os roteiros 315 persoas".

As reservas para participar abriranse o luns 11 de xullo, ás 17.00 horas, na web da Semana do Patrimonio Invisible: www.patrimonioinvisible.gal. Os percorridos son de balde. Cada persoa poderá reservar como máximo tres visitas para dúas persoas.

Moreda, que lembrou que o convento de Santa Clara se puido visitar por primeira vez, no ano 2020, dentro destas xornadas, repasou brevemente a historia dos espazos que se incorporan aos percorridos nesta edición. Así, lembrou, por exemplo, que o Pazo de Gandarón, de finais do século XVIII, foi construído polo Arcebispo Malvar. Sede actual da Misión Biológica de Galicia, á súa importancia arquitectónica súmaselle a do seu xardín, que conta cunha importante colección de camelias.

colexio de artes. No caso do mosteiro de Lérez, o concelleiro explicou que foi fundado no século X e que, entre outras cousas, foi sede do Colexio de Artes, polo que pasaron Frei Benito Jerónimo Feijóo e Frei Martín Sarmiento.

Mosteiro de San Salvador de Lérez. ADP
Mosteiro de San Salvador de Lérez. ADP

"Un formato novidoso será o da visita ao barrio mariñeiro da Moureira, que tivo unha importancia fundamental nos séculos XVI e XVII, durante o apoxeo do porto medieval pontevedrés", comentou Xaquín Moreda. "Nesta visita, ademais, colaborará o Gremio de Mareantes, o que permitirá que o público coñeza parte da documentación que conserva nos seus arquivos".

Dende que se puxo en marcha, a Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra organizou visitas guiadas a once espazos da capital da provincia.

Comentarios