Mourente terá un novo 'núcleo de centralidade' na contorna dos Campos

O Concello iniciou as obras cun orzamento de 2,3 millóns de euros ►Trátase dun dos maiores investimentos en reformas urbanas
Infografía facilitada por el Concello que refleja las tareas previstas en la zona de Os Campos. DP
photo_camera Infografía facilitada por el Concello que refleja las tareas previstas en la zona de Os Campos. DP

As obras do novo vial de acceso a Monte Porreiro e o núcleo de centralidade dos Campos, a colocación de leds no pavimento da ponte do Burgo, e a rehabilitación do firme da rúa Doutor Fleming centraron o seguimento das principais intervencións en marcha na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, informou pormenorizadamente sobre as obras do novo acceso a Monte Porreiro, que veñen de comezar esta semana, e que dan inicio ao novo núcleo de centralidade dos Campos. Unha intervención á que se destina un

orzamento de 2.287.118,9 euros, dos cales 471.248 corresponden ao local social dos Campos, 373.964,64 ás oficinas do GDR, e 1.441.906,26 ao acceso a Monte Porreiro (439.393,50 euros corresponden a expropiacións e 1.002.512,76 a obra civil).

Segundo indicou Demetrio Gómez esta intervención «consiste en facer a conexión de Monte Porreiro coa malla urbana da cidade, urbanizando toda esta zona coas características urbanas do modelo Pontevedra».

O NOVO VIAL. O concelleiro nacionalista explicou que o novo vial comeza practicamente na beira do río e remata no futuro núcelo de centralidade, o que permitirá conectar a cidade co propio barrio de Monte Porreiro, coa UNED, o novo Centro Social dos Campos-Mourente e as novas oficinas do GDR. Tamén adiantou que a previsión é que as obras completas estean rematadas para mediados de 2021.

ESPAZO DE REUNIÓN. «O obxectivo é dotar a Mourente, como ao resto das parroquias, dun núcleo de centralidade para que os veciños teñan un espazo público de altísima calidade construtiva onde compartir a súa vida» sinalou Gómez.

Neste sentido, asegurou que o obxectivo de dotar ás parroquias de núcleos de centralidade «é algo que estamos avanzando en Pontevedra e, que saibamos, non se está facendo en ningún outro sitio con estas características de tráfico calmado, de servizos e ao redor do centro social, que é onde se fai a vida comunitaria».

OUTRAS OBRAS. En relación á obra do Burgo, o concelleiro informou que está avanzando a bo ritmo e que nesta semana se procederá á colocación de leds no pavimento.

En anteriores comparecencias, o responsable de Obras do Goberno local xa tiña anunciado que existe un prazo máximo para o remate dos traballos no viaducto, que está fixado no 31 de xullo. Sen embargo, non se descarta que a ponte poida ser inaugurada antes dese día.

Por outra banda, na rúa Doutor Fleming, no barrio de A Seca, a intervención de rehabilitación integral do firme comezará hoxe e quedará rematada nesta mesma semana. Demetrio Gómez explicou que se trata dunha actuación que afecta a 140 metros de vial, que será realizada por unha empresa de Pontevedra e que ten un orzamento de 15.420 euros. Sinalou, ademais que responde «a unha inquedanza que viña manifestando a veciñanza desde fai tempo».

Calidade urbana. Beirarrúas amplas e un só carril para coches
O plan do Goberno municipal coas obras de reforma no barrio de Os Campos e o seu acceso dende a beira do Lérez e dende a urbanización de Monte Porreiro é dotar a toda a zona duns estándares de calidade urbana moi semellantes aos que xa existen en zonas máis céntricas da Boa Vila.

O edil de obras fixo especial fincapé na partida orzamentaria destinada a estes traballos, a máis elevada de todas cantas se teñen aportado ata o de agora coa salvedade da de Loureiro Crespo, que é unha actuación moi ambiciosa. A idea é dotar a esta zona de Mourente de amplos espazos para os viandantes.