Os mozos da Xeración Z xa non teñen contacto co galego no seo da familia

Xosé Leal, acompañado de Xiana Lastra, Carlos Alonso, Anxos Sobriño e Henrique Monteagudo. GONZALO GARCÍA

A Deputación celebrou unha xornada de normalización lingüística para orientar o traballo dos concellos este ano

Os mozos e as mozas nacidos nos 90 e nos 2000 xa non teñen contacto co galego nas súas casas. Medran en fogares nos que os pais e máis os avós son castelánfalantes e non é ata a etapa escolar cando aprenden galego. "O resultado é que empregan unha variante da lingua máis formal e sen variacións dialectais e que adoitan ter peores competencias", explica Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG).

Estas son as primeiras conclusións dun estudo realizado pola RAG a petición da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, os datos sobre a percepción da lingua que teñen as xeracións máis novas son preocupantes. Esta realidade é palpable nas cidades pontevedresas e máis na súa área de influencia, onde a castelanización é evidente. Por outra parte, os territorios máis galeguizados seguen a ser os máis rurais, no caso da provincia de Pontevedra a comarca do Deza e Tabeirós, tal e como indica Monteagudo.

Por outra parte, aínda que as competencias en galego sexan baixas, si se percibe unha mellor actitude cara a lingua, de xeito que os máis mozos teñen menos prexuízos cara o galego, aínda que segue a percibirse negativamente o acento galego. "Esta nova realidade temos que entendela para crear a partir de aí políticas regaleguizadoras. Xa non falamos dunha poboación desgaleguizada, porque nunca estivo en contacto co galego, senón que xa naceu co castelán", explica Monteagudo. O estudo comezou a realizarse en 2017 e céntrase nos mozos e mozas de entre 14 e 18 anos.

Estas foron algunhas das ideas que trasladou este luns o membro da RAG aos participantes na IV Xornada de Normalización da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, a entidade provincial adica 300.000 euros a axudas para que os concellos da provincia implementen servizos e programas de normalización lingüística. 150.000 irán destinados a servizos de normalización e a outra metade a programas de dinamización. Sobre as actividades que se levarán a cabo ao longo de 2019 falouse o luns no edificio administrativo da Deputación de Pontevedra. "Con estas xornadas, que levamos realizando desde o inicio deste mandato, conseguimos traer a lingua á primeira liña e xerar un debate que sexa o alicerce sobre o que crear sinerxías cos concellos e desenvolver políticas en materia lingüística", asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a súa presentación do luns.

Ademais do integrante da RAG, que falou do estudo elaborado pola institución, no acto do luns estiveron a presidenta da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño, quen se centrou en dous proxectos desenvolvidos a través de equipos de normalización, YouTubeir@s e o Club do Debate; o presidente da Asociación ORAL de Galiza, Carlos Alonso, que avanzou un proxecto provincial de recuperación da regueifa en centros escolares, e a representante musical? e membro do grupo A banda da Loba, Xiana Lastra, quen explicou a aposta da súa formación musical por difundir letras de autoras galegas e acceder ao público mozo a través dunha música que denominou "universal".

Neste sentido, Leal fixo especial fincapé no grupo de idade destinatario das actividades de normalización. Deste xeito, asegurou que "ao noso entender existe un importante número de actividades e iniciativas enfocadas á infancia, mais ao chegar á mocidade vemos que hai unha eiva, e o que queremos é amosar diversas accións e proxectos que se poden levar a cabo para incrementar a autoestima en materia de lingua nese segmento de idade".