Mudland lanza unha campaña de crowdfunding para gravar o seu disco

'Meraki' é o título do álbum de Felipe Rea, Inés Tilve e Fran Prado, un trío que comezou durante o confinamento
O trío Mudland, composto por Inés Tilve, Felipe Rea e Fran Prado. DP
photo_camera O trío Mudland, composto por Inés Tilve, Felipe Rea e Fran Prado. DP

Meraki é o título do que será o debut discográfico de Mudland, grupo de música tradicional composto polo gaiteiro Felipe Rea, a vocalista e percusionista Inés Tilve e o guitarrista Fran Prado. "Se queres saber que significa, vas ter que buscalo en Google. Xa verás que bonito", di Rea, músico e compositor de Estribela afincado en Barro. Google remite a páxinas nas que se se explica que Meraki é unha palabra de orixe grega sen tradución directa, que significa "poñer a alma e o corazón no que te apaixona". 

Para poder gravar ese álbum, Mudland lanza este venres unha campaña de crowdfunding a través da plataforma Verkami. "A partir das 14.00 horas xa se poden facer achegas. Todo o que xuntemos adicarase exclusivamente a poder sacar o traballo", comenta Rea, que tamén conta que se alguén quere coñecer como soa o grupo só ten que buscar o seu vídeo de presentación, en Youtube, no que interpretan un dos seus temas, "Herba de namorar". "En definitiva o que facemos é música tradicional", explica o gaiteiro. "Meraki inclúe arranxos realizados sobre temas tradicionais e tamén composicións propias".

CEIP AMOR RUIBAL. Mudland (www.mudlandbarro.com), segundo conta Felipe Rea, naceu por casualidade durante o confinamento. "Aínda que, en realidade, xa nos xuntaramos con anterioridade en 2017 para dar un concerto didáctico no colexio Amor Ruibal de Barro, onde estudan os nosos rapaces, tanto o meu e de Inés como o de Fran Prado", lembra. "Pero foi no confinamento cando comezamos a tocar xuntos de verdade, el dende a súa casa e nós dende a nosa. Comezamos a sacar temas e a montalos. Despois, outros amigos canarios que viven na Coruña, AventurasaNtona, fixéronnos os videoclips", comenta Rea, que hai pouco conseguiu unha mención de honra no certame internacional mexicano Rodrigo Landa-Romero pola súa composición para piano Bágoas de amor.