As mulleres case triplican aos varóns nos premios de fin de grao no campus pontevedrés

Oito alumnas e dous alumnos de facultades da Boa Vila recibirán os recoñecementos extraordinarios ►Na UVigo a proporción é de case o dobre a favor das féminas ►En total entregaranse 70 galardóns
O Consello de Goberno celebrado este mércores na Escola de Enxeñería de Telecomunicación. DUVI
photo_camera O Consello de Goberno celebrado este mércores na Escola de Enxeñería de Telecomunicación. DUVI

Un total de 70 estudantes de grao e doutoramento da Universidade de Vigo recibirán o vindeiro martes 28 de xaneiro os premios extraordinarios correspondentes ao curso 2018-2019. A sesión ordinaria do Consello de Goberno aprobou este mércores outorgar 47 premios de grao e 23 de doutoramento, que se sumarán aos recoñecementos de excelencia de grao e máster e aos Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster.

En total serán 149 galardóns, que serán entregados no acto de conmemoración de Santo Tomé, que se celebrará no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Dos 47 premios de grao, nove corresponden a titulacións do campus de Pontevedra, 18 ao de Vigo, doce ao de Ourense e outros oito aos centros adscrito dos tres campus. Desta cifra, 31 galardóns foron para mulleres e os 16 restantes a homes. Mentres, no caso dos 23 premios extraordinarios de doutoramento, tres corresponden ao ámbito de Arte- Humanidades; oito ao de Ciencias; sete ao de Enxeñaría-Arquitectura e cinco ao Xurídico-Social. Do total de persoas galardoadas, 12 son mulleres e 11 homes

No caso do campus de Pontevedra a proporción é aínda menos equilibrada, xa que entre as propias facultades e os centros adscritos suman oito premiadas e tres premiados.

Así, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte houbo triplete feminino: Alba Pires Filgueira (Ciencias da Actividade Física), Sandra Beatriz Pérez Lorenzo (Educación Infantil) e Sabela Rivas Losada (Educación Primaria).

Na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, outro tanto do mesmo, xa que as galardonadas foron Sheila Cotelo Lado (Dirección e Xestión Pública), Ariadna Cordal García (Comunicación Audiovisual) e Sabela Juncal Vidal (Publicidade e Relacións Públicas).

As outras dúas mulleres premiadas son Patricia López Díaz (graduada en Fisioterapia) e María Estévez Villanueva (Escola Universitaria de Enfermería).

Completan o palmarés do campus pontevedrés tres alumnos: Carlos Fernández López (graduado en Belas Artes), Javier Bustelo Otero (graduado en Enxeñería Forestal) e Antonio Segundo Siles (graduado en Enxeñería Mecánica no Centro Universitario da Defensa de Marín).

O Consello de Goberno aprobou tamén por asentimento o calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións de grao, máster e doutoramento para o curso 2021-2022. No caso do títulos de grao e mestrado o proceso iniciarase coa presentación da declaración de interese por parte da xunta de centro ata o 20 de febreiro, prolongándose ata xullo co envío da solicitude da proposta á Xunta. No do calendario e procedemento de tramitación de verificación e modificación de programas de doutoramento para a súa implantación o vindeiro curso, o proceso empezará coa presentación da expresión de interese por parte da comisión académica de programa de doutoramento ata o 20 de febreiro e rematará en xullo deste ano co envío da solicitude á Consellería de Educación.

Innovación dixital e aplicacións para empresas
O Consello acordou a participación da Universidade no capital social da spin off Blue Structure, promovida polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; así como nas asociacións Infab Hub de innovación dixital nos procesos de fabricación e no polo español de Interop-Vlab, que ten o obxectivo de impulsar unha estratexia común de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías no campo da interoperabilidade das aplicacións e software de empresas, para mellorar a competitividade da empresas.

Comentarios