Las mujeres de la provincia de Pontevedra emigran más que los hombres

As nacionalidades europeas máis habituais en Galicia son as pertencentes a Portugal e Rumanía
Conxunto de persoas nas inmediacións da Praza da Peregrina
photo_camera Conxunto de persoas nas inmediacións da Praza da Peregrina

Xa sexa pola escaseza de emprego, ou non, os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) son esclarecedores: aumenta a poboación pontevedresa que reside no estranxeiro no último ano. Os concellos de Pontevedra envían a máis persoas cara ó exterior e aquí, o que sobresae, é que son as mulleres as que toman esta decisión con máis frecuencia. Nos lugares de Lalín, Pontevedra, Sanxenxo e Silleda, a emigración feminina supera á masculina en 309, 279, 272 e 251 casos, respectivamente. Por outra banda, Bueu é o territorio no que menos diferenza se atopa, xa que tan só seis mulleres máis marcharon cara fóra. Tomando como referencia todos os municipios da provincia, en 2016 áchase que unicamente os varóns superan as saídas das mulleres en sete dos concellos, constando o total de 29.

Ademais da xente que marcha, o IGE tamén ofrece datos sobre os estranxeiros que elixen Galicia coma o seu territorio de residencia. En xeral, na comunidade autónoma, destacan as persoas europeas que deciden mudarse a esta zona. En concreto, trátase de 39.636 suxeitos, entre os que se impón a presenza de portugueses (17.019) e rumanos (8.997). Ucrania e Polonia son os países que teñen unha menor representación dentro de Galicia. O continente americano segue moi de cerca ó europeo, en concreto a zona sur, posto que de alí son orixinarios 36.069 individuos. As nacionalidades brasileira (7.316) e colombiana (4.729) son as máis usuais. Se se observan outras procedencias, débese resaltar que de África son naturais 12.541 habitantes, de China 2.902 e de Oceanía e apátridas 129.

Os datos a nivel galego considéranse representativos porque, na maioría dos casos, a situación repítese nos concellos. Tomando como referencia once dos municipios de maior importancia de Pontevedra, obsérvase que Barro, Vilanova de Arousa e O Grove son dos concellos que contan cunha menor inmigración. Concretamente, as súas taxas de entrada son 0,9%, 1,83% e 1,97%. Pola contra, aqueles que computan un maior número de nacionalidades estranxeiras son Lalín con 992 e Silleda con 429. Isto supón o 4,96% e o 4,89% da poboación, respectivamente.

Marín é unha zona a salientar porque do total de 887 inmigrantes, 524 proceden de África, é dicir, máis da metade son africanos, unha situación que non pasa no resto de municipios de cabeceira.Neles hai que engadir que a presenza de cidadáns naturais de Oceanía e apátridas é moi baixa.

Convén resaltar que os concellos de referencia que se mencionan e sobre os cales se ofrecen algúns datos son Bueu, Caldas de Reis, A Estrada, O Grove, Lalín, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Comentarios