As mulleres impulsaron o 66 por cento dos proxectos no segundo coworking de Barro

As presidentas da Deputación e da EOI, así como o alcalde da localidade, poñen en valor o talento emprendedor da provincia

Acto de clausura do segundo coworking, celebrado no polígono empresarial de Barro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Acto de clausura do segundo coworking, celebrado este luns no polígono empresarial de Barro. GONZALO GARCÍA

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a directora xeral da Escola de Organización Industrial (EOI), Nieves Olivera, clausuraron este luns a segunda edición do coworking de Barro, na que participaron 17 proxectos emprendedores.

Silva destacou que "das iniciativas que se puxeron en marcha, once foron lideradas por mulleres, o que pon de manifesto que estamos decididas a ocupar o espazo que nos corresponde", dixo.

A mandataria engadiu que "esta provincia ten moito talento e, polo tanto, moito futuro", e aseguroulle aos participantes no coworking que están "a facer moi ben as cousas". Neste eido, enxalzou o papel das persoas emprendedoras e a súa aposta por lanzar iniciativas empresariais e pola formación continua. "Neste mundo do século XXI, onde as tecnoloxías e a innovación cambian diariamente, debemos formarnos, traballar de forma colaborativa e sumar sinerxías para poder evolucionar, e vós tédelo acadado durante estes meses de traballo", subliñou. Ademais, Silva tamén fixo fincapé na necesidade de promover a cultura emprendedora a través das administracións.

Pola súa banda, o alcalde de Barro amosou o seu orgullo de "ter no noso Concello este espazo de formación, con tantas iniciativas que estiveron aquí madurando". Fernández Abraldes incidiu no papel das instuticións públicas, para as que ten que ser unha "obriga apoiar iniciativas coma estas, lideradas por persoas valentes que están a crear riqueza e a impulsar ideas innovadoras, que son as que fan mover o mundo".

EOI. A directora da EOI amosou a súa satisfacción por ser o "meu primeiro Demoday desde que estou no cargo da dirección da Escola". Desde este punto de vista, Olivera puxo en valor o traballo que desenvolve a EOI para impulsar unha industria conectada, empoderar ás mulleres e apostar pola transformación dixital e a economía circular. "E vós levades desde maio traballando nestes aspectos e ademais dando resposta ás demandas do territorio, centrándovos na formación, o turismo, as TIC e a fotografía", asegurou referíndose aos proxectos que participaron no coworking froito da colaboración entre a Deputación e a EOI, que lles ofreceu aos emprendedores non só un espazo gratuíto no viveiro de Barro, senón tamén acompañamento individualizado e accións formativas.

Precisamente, a xornada Demoday. Compartindo talento emprendedor tivo como obxectivo principal dalos a coñecer. No grupo houbo iniciativas relacionadas coa psicoloxía, a publicidade online, a arqueoloxía, a nutrición, o turismo, as telecomunicacións, a hostalería, a tecnoloxía dixital ou a fotografía e os seus impulsores foron Cristina Angulo, David López, Estrella Moreira, Filipa Marques, Inés Fernández, Isabel García, Iván Rodríguez, Jorge Rodríguez, Miguel Padín e José Antonio Touriño, Omar Río, Noelia Quintana, Sabela Muñiz, Ana Belén Prado, Ana María Pesqueira, Belén Romero e Carmela Pereira.

O coworking de Barro conta cun orzamento de 800.000 euros para accións de apoio e impulso ao emprendemento.

Comentarios