Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Mulleres inspiradoras que dixeron: "Para chula, a miña parrula"

A Casa da Luz acolleu un encontro de profesionais que falaron dos seus proxectos

"Ao principio, cando comecei a tocar nunha banda de metal con 18 anos e era a única muller, sentíame guai porque os homes me facían caso, por poder tocar con eles. Logo decateime de que a miña opinión importaba menos e de que falaban entre eles sen prestarme a mesma atención por ser muller". Con esta declaración explicaba Patty Castro a súa experiencia como vocalista no mundo de rock galego. Tras unha reflexión persoal sobre o papel da muller no panorama do rock feito aquí, a artista creou o colectivo Mulleres Galegas Kañeras, que promove a colaboración entre mulleres de diferentes ámbitos musicais.

"Queremos abrirnos a todos os colectivos que se queren abrir un oco neste mundo patriarcal e masculinizado", explicou unha das coordinadoras de Redeira

A súa foi unha das historias que escoitaron os asistentes ao encontro "Para chula, a miña parrula", que se celebrou este sábado na Casa da Luz de Pontevedra.

"A finalidade do encontro é dar visibilidade ás mulleres que durante un tempo tiveron unha profesión e que, finalmente, chegaron a tomar as rendas, dar un paso adiante e facer os seus propios proxectos", explicou unha das coordinadoras de Redeira, Mariem Filgueira. A actividade trata de favorecer a igualdade e a aceptación da diversidade. "Queremos abrirnos a todos os colectivos que se queren abrir un oco neste mundo patriarcal e masculinizado", explicou.

No evento participaron outras catro mulleres ademais de Patty Castro. Viñan do ámbito político, cultural e económico. Deste xeito, estaba tamén presente Alba Troiteiro, unha moza que atopou no deseño de panos unha saída profesional e artística para desenvolver a súa creatividade. A moza é graduada en Belas Artes e, tras uns meses como voluntaria en Cerdeña, comezou a traballar no seu propio proxecto. "Descubrín culturas nas que as mulleres atoparon nos panos a súa liberdade", explicou.

Na cita estivo tamén Gabi Otero, unha moza formada no ámbito da comunicación que deu forma ao proxecto "Mulleres Atlânticas". "Fixese o que fixese, quería que os proxectos levados a cabo por mulleres tivesen a visibilidade que merecen, porque Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de autónomas".

Na cita estaba tamén María Pierres, arquitecta e política por vocación e convición. "A día de hoxe compaxino as miñas facetas profesionais coa crenza do importante que é o papel das mulleres na sociedade". Por último, Ana Cabaleiro, licenciada en Xornalismo e autora do libro de relatos Sapos e Sereas, vencellada ao activismo e a cultura, contou tamén a súa experiencia.

Mulleres inspiradoras que dixeron: "Para chula, a miña parrula"
Comentarios