Xornada 'Mercantilización do corpo das mulleres'

"As mulleres libres, iguais e xustas somos perigosas"

A pornografía, a prostitución, os ventres de aluguer e a violencia contra a muller foron os eixos da xornada 'Mercantilización do corpo das mulleres' promovida pola Escola de Igualdade Maria Vinyals e que reuníu a máis de 200 persoas no Castelo de Soutomaior
Un momento do encontro feminista celebrado no Castelo de Soutomaior. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un momento do encontro feminista celebrado no Castelo de Soutomaior. GONZALO GARCÍA

A pornografía, a prostitución, os ventres de aluguer e a violencia contra a muller foron os eixos da Xornada sobre Mercantilización do Corpo das Mulleres, promovida pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, que se celebrou no Castelo de Soutomaior coa participación de máis de 200 persoas.

A doutora en Ciencias Políticas e profesora da Universidade da Coruña Rosa Cobo protagonizou a primeira das conferencias da xornada. Baixo o título 'Pornografía, prostitución: violencia contra as mulleres', Cobo salientou que a prostitución "foi crecendo nos últimos anos ata converterse no corazón dun sector económico que eu denomino explotación sexual".

"A prostitución é unha industria que funciona coa racionalidade dunha multinacional. En realidade, é unha multinacional, pero iso si, do crime". A profesora analizou na súa charla como se relacionan entre si o modelo de sexualidade imposto ás mulleres, o capitalismo global, a pornografía, a prostitución, e a alianza entre capitalismo global e prostitución indicando como as políticas neoliberais produciron un incremento da industria da explotación sexual nas últimas décadas ata acadar os primeiros postos entre as chamadas 'economías ilícitas'.

Rosa Cobo falou da prostitución como unha "multinacional do crime" e analizou a súa relación co capitalismo global

A experta indicou que esta industria da explotación sexual "na que está implicada a pornografía e outros tantos negocios, é unha industria funcional para dous proxectos políticos, o capitalismo neoliberal e o proxecto do sistema patriarcal contemporáneo, que fan unha alianza para que esta industria non se desactive e siga crecendo". Máis polo miúdo, Cobo sinalou que, neste último caso, "a prostitución proporciona un balón de osíxeno ao que o feminismo chama masculinidade hexemónica; o que as mulleres conseguimos no ámbito da familia e a parella a algúns varóns parécelles inaceptable, e tratan de compensar esta perda indo a prostíbulos, onde estes bárbaros do patriarcado encontran o seu hábitat natural".

Para Rosa Cobo, as políticas abolicionistas da prostitución daranse nun prazo de vinte anos na grande maioría dos países de Europa, "e cando botemos a vista atrás e contemplemos a prostitución desde unha posición de que debe ser abolida, comprenderemos que foi unha das barbaries que caracterizou ao século XXI".

A directora da revista 'Atlánticas' referiuse tamén ás xornadas sobre Traballo Sexual que tivo que retirar a Universidade da Coruña ante a presión feminista, especialmente nas redes sociais, para afirmar que "fixemos o que había que facer e o procedemento da universidade ao retiralas foi o correcto". "¿A prostitución está vinculada coa pobreza? Por suposto. Cando un país sube as súas taxas de benestar a prostitución autóctona se reduce e nalgúns casos, practicamente desaparece", reflexionou.

Towanda Rebels centraron a súa intervención na normalización da cultura da violación e falaron dos 'yonkis do porno'

No mesmo sentido falaron Teresa Lozano e Zua Méndez, Towanda Rebels. As dúas integrantes da plataforma de comunicación e expresión feminista centraron a súa intervención na normalización da cultura da violación, da man da industria pornográfica que diariamente atrae a milleiros de nenas e nenos e de adolescentes en todo o mundo, un dos grandes paradigmas do patriarcado. "Para falar de pornografía hai que falar de prostitución e para falar de prostitución desde hai uns anos hai que falar de pornografía", sinalaron, para logo definir a pornografía como "a escola de puteiros".

Para as Towanda Rebels, a pornografía, na actualidade xa normalizada, "crea adictos, crea 'yonquis do porno', creou xeracións enteiras de mozos que son 'yonquis do porno'. E o espazo onde poden exercer esta masculinidade tóxica é o espazo da sexualidade, do sexo".

Teresa Lozano e Zua Méndez repasaron con exemplos gráficos e audiovisuais a forma en que a industria pornográfica amosa unha "cultura da violación" a través dos comportamentos masculinos e femininos que promove. "Eles o ven para masturbarse e elas para aprender a ser dominadas", indicaron. "O home é o suxeito e a muller a sumisa (...) Hai uns roles moi marcados: elas como obxectos compracentes e eles como suxeitos desexantes —apuntaron—. E todas as películas acaban cun plano dela sorrindo, coa cara chea de seme, o que nos quere amosar que todo é consentido e a ela lle gusta. Que ás mulleres lles gusta ser maltratadas, vexadas e humilladas. Isto é o que ensina a pornografía", aseguraron.

E, neste senso, fixeron fincapé en que xa se percibe unha representación cultural da muller impregnada de violencia "onde temos un valor en función de ser desexables, non de desexar". "Na axenda do feminismo unha das cousas máis importantes é loitar contra a pornografía e prostitución", subliñaron.

Silvia Pérez fixo fincapé en que "a trata sexual estase a configurar como chivo expiatorio da nosa sociedade"

'Desvelando a realidade da acción contra a trata' foi o título da conferencia da doutora en Socioloxía, profesora asociada á Universidade de Vigo e investigadora social especializada en Violencia de Xénero dende hai máis de 15 anos, Silvia Pérez Freire. Ademáis, é cofundadora da RED galega contra a trata sexual. Na súa intervención, Pérez Freire fixo fincapé en que "a trata sexual estase a configurar como chivo expiatorio da nosa sociedade para seguir sen afrontar o tema da prostitución" e tamén abordou a resposta institucional dende a diversidade dos axentes implicados na súa persecución, atención e sensibilización.

A relatora abordou a problemática de que, no tema da trata sexual, "hai forzas e corpos de seguridade do estado que din que as mulleres declaran que estaban alí porque elas querían, pero iso non é o que importa, o importante e que se están a vulnerar os dereitos humanos". Neste eido, Pérez insistiu en que noutros temas a vontade da vítima é irrelevante, pero no caso da trata sexual non. "O que temos que facer é actuar á marxe da testemuña da vítima, porque se trata dunha vulneración dos dereitos humanos".

Pola súa banda, a activista feminista, experta en violencia de xénero e portavoz da RECAV (Red Estatal Contra el Alquiler de Vientres), Ángeles Álvarez, destacou na súa intervención que este feito trátase dunha nova fronte na axenda feminista e instou ao Estado a poñer límites e prohibir de forma taxante o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos.

Ángeles Álvarez destacou a necesidade de prohibir de forma taxante o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos

Máis polo miúdo, Álvarez fixo fincapé na necesidade de anular a instrución do 5 de outubro de 2010 da Dirección Xeral de Rexistros e do Notariado, sobre réxime rexistral da filiación das e dos nacidas e nacidos mediante xestación por substitución. Así, a feminista reivindicou que "unha instrución do rexistro non pode contradicir a lexislación e temos moitos fiscales que están a poñer en cuestión este feito". Tamén incidiu Ángeles Álvarez na importancia da linguaxe, "elemento clave da industria reprodutiva, que describe o aluguer de mulleres con fins reprodutivos como unha mera transacción na que o concepto de maternidade se disocia da xestación e do parto".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén fixo un alegato feminista nas súas intervencións de apertura e clausura da xornada. A responsable provincial sinalou que "as feministas imos cambiar o mundo, cada día sumamos a máis persoas, así que o camiño se fai camiñando e co orgullo de que ese é o camiño que hai que facer", e convidou a todas as mulleres a sentirse "orgullosas da nosa aposta por ser libres, iguais e xustas".

"As mulleres libres, iguais e xustas son e somos perigosas", manifestou Silva, que engadiu "ás nenas dende ben pequenas ensínannos a poñernos nas esquinas e atrás, por iso nós ímonos poñer aquí de pé e no centro, sabendo que imos ser moi criticadas de querer ocupar os espazos. Pois que saiban que claro que queremos ocupar espazos, queremos ocupar todo, a metade de todo".

"Quero dicirlles aos que pretenden dinamitar un sistema de igualdade que non van pasar, que non lles imos deixar pasar", reivindicou Silva, que tamén destacou que "estamos a vivir unha situación na que se estenden os discursos ultra conservadores do neoliberalismo capitalista, proteccionista, atacando ás mulleres e é preciso que teñamos a fortaleza suficiente para poder defender outro mundo que é o que queremos dende o feminismo. Non imos dar ningún paso atrás", afirmou.

"Na Deputación de Pontevedra temos moi claro que a única posición ética, decente e humanamente aceptable fronte á prostitución é o abolicionismo e dicímolo con orgullo". Por estes motivos, Silva destacou a importancia da xornada e apelou á necesidade de "cambiar o sistema patriarcal e propoñer outras relacións humanas baseadas nos dereitos humanos. Non podemos esquecer que ás mulleres que viven as situacións nas que os seus corpos son mercantilizados néganselles os máis básicos dereitos humanos".

Comentarios