domingo. 01.08.2021 |
El tiempo
domingo. 01.08.2021
El tiempo

As mulleres produtoras son "a forza do Nadal"

Carmela Silva con Mariví Álvarez e Bea Reimóndez na presentación da campaña. DP
Carmela Silva con Mariví Álvarez e Bea Reimóndez na presentación da campaña. DP
A Deputación lanza unha campaña coa que quere poñer en valor o traballo feminino e os produtos de proximidade ▶ Nove mulleres do sector primario da provincia poñen cara a esta iniciativa e falan do positivo e negativo dos seus oficios

Nove mulleres que traballan no sector primario da provincia protagonizan a segunda edición da campaña Elas son a forza do Nadal, coa que a Deputación quere reivindicar o papel feminino e a importancia do comercio de proximidade. A iniciativa conta coa colaboración da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (AcuBam) e foi presentada esta mesma semana no Pazo Provincial.

A propia presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que "todo o que chega aos nosos pratos no Nadal, pero tamén durante todo o ano, é posible grazas ao traballo diario das mulleres" e, por iso, o obxectivo deste proxecto é "poñer en valor o seu traballo, defender ás nosas produtoras e facer un chamamento á xente para que merque produto do noso e no comercio local". Tamén incidiu no papel das mulleres no mundo rural: "soamente terá futuro se as mulleres deciden quedarse nel".

Deste xeito, en Elas son a forza do Nadal nove traballadoras do mar e da terra, autónomas e por conta allea, alzan a voz e falan dos seus traballos, das súas vantaxes e dificultades e do trato que reciben no seu dia a dia.

A presidenta da Deputación salienta a importancia da campaña para «defender» ás produtoras e incentivar a mercar no comercio local

Estas testemuñas pódense ver e escoitar en diferentes pezas audiovisuais que, xunto coas pezas gráficas, serán difundidas a través das redes sociais e outros medios online así como medios tradicionais.

Na páxina web da Deputuación (www.depo.gal) pódese ver o vídeo completo da campaña no que se recolle en dous minutos a experiencia das nove mulleres que protagonizan tamén pezas individuais máis breves.

EN DETALLE. Unha peixeira, unha avicultora, unha gandeira, unha percebeira-ouriceira, unha redeira, unha panadeira, unha viveirista e dúas viticultoras, todas elas de diferentes concellos da provincia, son as nove protagonistas da campaña Elas son a forza do Nadal, unha iniciativa que está moi ligada á campaña Agora, máis que nunca, non perdamos a proximidade que lanzou recentemente a Deputación de Pontevedra para apoiar ao comercio e ao produto local. Ambas iniciativas seguen ás que se impulsaron no mes de maio Elixe comercio local e Pontevedra provincia na túa cesta.

Bea Reimóndez, é peixeira e propietaria de La Pescadería de mi Barrio, no Mercado de Teis en Vigo, cuxa aposta polas redes sociais e as TIC permitiulle enviar peixe durante o confinamento por todo Vigo e arredores e mesmo fóra de Galicia.

Reimóndez salienta a calidade e frescura do seu produto procedente da Ría de Vigo e arredores e sinala que a "forza das mulleres para sobrevivir nestes tempos tan duros é traballar arreo para que todas as persoas poidan contar cunha boa vianda no Nadal".

As pezas gráficas e o material audiovisual pode consultarse e visionarse na páxina web do organismo provincial

A peixeira destaca que a principal diferenza entre comprar nun negocio como o seu ou nunha grande superficie é "a proximidade ao cliente e a variedade de peixe ofertada". A propietaria de Las pescadería de mi Barrio indica que o que máis lle gusta do seu traballo é a ausencia de monotonía, "sempre tes un día distinto", di.

Mariví Álvarez, é presidenta de AcuBam e viveirista socia de Viveiros Río Tollo, no que traballan preto dun cento de persoas das que, máis da metade, son mulleres. Deste xeito, destaca positivamente a capacidade feminina para desempeñar diferentes traballos, "temos máis facilidade para aclimatarnos a calquer tipo de cambio", di.

A viveirista afirma que a planta galega ten un oco no mercado europeo e indica que o confinamento servíu tamén para espertar o interese de moitas persoas polas plantas. "Notamos unha maior necesidade da xente por mercar plantas e ter plantas na casa porque proporcionan benestar, felicidade... ", explica.

A presidenta de AcuBam enxalza a importancia da campaña "porque precisamos reforzar, crer e facer que a xente crea no produto local, que está a consumir produtos bos porque cada día as produtoras estamos a superarnos e a evolucionar para mellorar". Neste sentido, amosa a súa confianza en que a xente "cada vez está máis concienciada, entende que é moi importante o apoio ó comercio local".

Bea Reimóndez afirma que durante a pandemia creceu o seu negocio grazas a facer envíos a Vigo e a outros puntos de España

Margot Cacabelos, é avicultora e propietaria dunha granxa avícola en Cambados, que ten moi en conta a sustentabilidade e benestar animal. Comezou neste oficio con nove anos e, dende entón, traballa sen descanso. "É moi suxeito, non podes fallar, tes que estar sempre", resume.

María González, é panadeira e propietaria de Panadería Paulino en Rellas, Silleda, na que ela é xa a terceira xeración. "A panadería fundouna meu avó pasou por meu pai e agora estou eu á fronte. por iso sinto que teño unha responsabilidade dobre, teño que manter isto arriba", explica. González indica que o máis duro do seu oficio son os horarios, "son complexos e de luns a luns", pero doutro lado está a satisfacción do trato co cliente "ao final, os clientes habituais son como unha familia".

Marina Álvarez, é redeira en A Guarda e vicepresidenta da Asociación de Redeiras Atalaia dende a que están a loitar para que se lles aplique un coeficiente redutor para a xubilación. Álvarez explica que o seu traballo consiste principalmente na elaboración de redes e, en menor medida, a reparación.

Entre os aspectos positivos do traballo destaca o compañerismo mentres que no lado contrario están as condicións de traballo. "É un traballo un pouco duro, pasamos frío, as redes veñen molladas... ", explica.

Neste sentido critica que o traballo das mulleres non está o suficientemente valorado "porque hasta ahora había moita xente que o fixera, incluso de xeito ilegal, e facíano a baixos prezos. Chegamos a cobrar dous e tres euros por hora de traballo. Segue sendo maioritariamente de mulleres porque segue sendo un traballo mal pagado. Se fose ao revés e estivese ben pagado, estarían eles a cabeza".

CONDICIÓNS DURAS. Susana González, percebeira-ouriceira, patroa maior da Confraría La Anunciada de Baiona, destaca no vídeo da campaña a liberdade e independencia económica que lle outorga o seu traballo. O máis positivo, sinala, é traballar "nun entorno que me gusta" aínda que para logralo tivo que abrirse camiño nunha profesión tradicionalmente "de homes", "leva costado moito suor e lágrimas", di.

Mariví Álvarez notou un aumento de interese da xente por mercar plantas "porque proporcionan benestar e felicidade"

Xunto cos riscos que supón saír ás rocas, recoñece que o traballo de percebeira propicia enfermidades de óso como a reuma ou a artrosis o que a converten nunha profesión "moi dura".

María Luz García, é gandeira e propietaria dunha explotación en A Silva, A Estrada, tamén ecolóxica e respectuosa co benestar animal. Explica que hai uns catorce anos que comezou coa explotación, primeiro con dúas vacas asturianas ás que sumaron á rubia galega e, despois, o negocio consolidouse criando femias reproductoras e machos para comercializar a carne. "Ao estar en liberdade é moi bonito, o animal está máis sano... e tamén se crea un vínculo con eles", di.

Cristina Yagüe e María Falcón, son viticultoras e propietarias de Anónimas Viticultoras, unha empresa de Cambados cuxo nome rende homenaxe ás mulleres non recoñecidas do mundo do viño e doutros sectores. "É un compromiso noso coa figura da muller", explican. "Somos terra, orixe e paixón", resumen como filosofía da empresa.

As dúas coinciden ao sinalar que a vendimia é mellor do seu traballo. "É momento máis importante do ano, é o de maior esforzo e maior traballo pero tamén, ao mesmo tempo, sentimos satisfacción e emoción", din. 
 

Implicación. Apoio para o comercio de proximidade

A loita pola igualdade e o apoio ao comercio local son dous eixos sobre os que traballa a Deputación de Pontevedra e para os que destina importantes esforzos. A campaña Elas son a forza do Nadal aúna ambas liñas e, ó tempo que pon en valor o traballo da muller, fai un chamamento á sociedade para que merque no comercio local e a productores locais. Neste sentido, tamén puxo en marcha este ano outras iniciativas para dinamizar o comercio local como Agora, máis que nunca, non perdamos a proximidade.

Mulleres do mar
A que se presentou esta semana é a segunda edición dunha campaña que se puxo en marcha o ano pasado centrada nas mulleres traballadoras do mar.

 

As mulleres produtoras son "a forza do Nadal"
Comentarios
ç