Mulleres tamén en miniatura

Ángela Paz realiza unha maqueta que representa a un grupo de mulleres nunha protesta durante as mobilizacións do pasado 8 de marzo para a súa amiga Míriam Viñas

Míriam Viñas e Ángela Paz, na Casa da Luz. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Míriam Viñas e Ángela Paz, na Casa da Luz. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Quería facer unha homenaxe a todas as mulleres que saíron á rúa, non só o pasado 8 de marzo, senón sempre ao longo da historia". Explícao Ángela Paz, autora dunha maqueta que reproduce unha manifestación de mulleres durante a folga feminista de 2018. A pontevedresa, afeccionada desde hai máis de 20 anos á arte en miniatura, agasalla de cando en cando aos seus amigos e amigas coas súas creacións. A última foi esta maqueta, na que quixo representar a forza transformadora das mulleres.

Feminista, presidenta da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal (ASSEII), Premio Cidade de Pontevedra en 2017, integrante de Paspallás... Ángela Paz é todo iso e ademais, no seu tempo libre, reproduce momentos en miniatura. Ten especial interese por recrear batallas da Primeira e da Segunda Guerra Mundial. "O que pasa é que cando quero conseguir as figuras en miniatura para logo pintalas, non atopo ningunha de muller", explica, "só algunha republicana española ou integrantes da resistencia francesa, pero pouco máis", continúa. O machismo chega tamén aos afeccionados ás maquetas en miniatura. "Fíxate, está en todas partes", sinala.

Míriam Viñas e Ángela Paz, na Casa da Luz. JAVIER CERVERA-MERCADILLOPaz pasa moito tempo lendo sobre os momentos históricos que logo reproduce en maqueta. Por iso sabe que a participación das mulleres nas guerras foi tamén fundamental. As que traballaban nas fábricas cargando pesos mentres os homes estaban na fronte, as que optaban pola paz e a resolución dos conflitos, mesmo as que quedaban na casa sacando adiante á familia. Porén, á hora de representalas non é fácil porque seguen sendo invisibles en moitos eidos.

Foi por iso que se lle ocorreu recrear un momento histórico que aconteceu hai menos dun ano: a folga feminista do 8 de marzo de 2018. Tiña clara quen ía ser a destinataria da maqueta, a súa amiga Míriam Viñas, coa que formara parte da Marcha Mundial das Mulleres hai anos e loitadora incansable polos dereitos das mulleres. "Ela sae na maqueta, é unha das que levan o altofalante diante de todo e representeina xunto a unha amiga súa", conta.

Na manifestación de Ángela hai tamén outras mulleres de diferentes zonas xeográficas, cada unha coa súa historia. "Pareceume importante poñer unha muller xaponesa porque se fala pouco dunha tortura típica dese país que consiste na mutilación e deformación dos pés das mulleres", conta. Hai tamén mulleres indias, africanas (aínda que non as pintou de negro porque esta cor confundíase co lila da roupa). Ademais, recreou un grupo de mulleres con tambores protestando a ritmo de batucada. "É unha forma de protesta moi efectiva que, ao mesmo tempo, é divertida", conta.

Na manifestación en miniatura hai tamén homes apoiando a marcha. "Adoita haber debate arredor do papel dos homes no movemento feminista. Eu penso que teñen que estar aí porque isto é algo que nos afecta a todas e todos, tamén a eles; o feminismo tamén lles mellorará a vida aos homes", indica Paz.

O máis difícil foi facer os tambores das mulleres que forman o grupo de batucada. "Hai que pensar que cada persoa mide dous centímetros e hai que traballar cunha precisión milimétrica", explica. Deste xeito, as baquetas dos tambores son diminutas e pegalas aos brazos foi un traballo complicado.

A Míriam, a destinataria da obra, non lle falou da peza ata o día que lla entregou. "Para ela foi unha sorpresa e estaba moi emocionada", conta Paz. De feito, cando Míriam abriu o agasallo que a súa amiga lle tiña preparado púxose tan nerviosa que despegou un dos personaxes do chan. "Pero xa está solucionado, xa o volvín pegar", remata Paz.

Comentarios