Que o mundo se pareza a Pontevedra

Escolares de 13 colexios elaboraron un manifesto no que propoñen solucións para frear o cambio climático e coidar o planeta. "Temos dereito a vivir con saúde e a herdar unha casa limpa"
Gulías, Lores e Fernández agradeceron o traballo do alumnado no acto da Alameda. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Gulías, Lores e Fernández agradeceron o traballo do alumnado no acto da Alameda. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

Uns 300 escolares de Primaria de cinco colexios de Pontevedra (os CEIP de Marcón, Álvarez Limeses, Vilaverde-Mourente, Manuel Vidal Portela e o CEP Campolongo) presentaron onte na Alameda a exposición Efecto PO2, unha espectacular colección de lenzos nos que eles e o alumnado doutros oito centros educativos do municipio plasmaron a súa visión dun mundo mellor, no que a contaminación non teña cabida.

Así, cambiaron os tubos de escape por "tubos de vida", tal como dixeron Kike e Carlos, de Polo Correo do Vento, encargados de guiar unha cerimonia na que Antón K tocou o ukelele e no varios alumnos leron un manifesto no que resumiron os seus desexos para o futuro. A miña cidade, o libro de Eva Mejuto ilustrado por Susana Suniaga foi o punto de partida para este traballo visual que encheu de cor a Alameda.

"Queremos que o mundo cada día se vaia parecendo un pouquiño máis a Pontevedra", pediu a rapazada nun manifesto que, en palabras do alcalde, "podería ter asinado eu perfectamente", xa que "está moi traballado" e inclúe "moitísimos aspectos para mellorar o medio ambiente" e pon o foco nas "afectacións negativas que o cambio climático vai ter sobre a vida das persoas".

A rapazada reclamou "menos CO2 e máis PO2" nun acto no que a Alameda se converteu nunha galería de arte ao aire libre

Miguel Anxo Fernández Lores acudiu a felicitalos acompañado polo concelleiro de Educación, Tino Fernández, e a edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

O Efecto PO2 tiña como obxectivo sensibilizar á rapazada sobre a importancia de coidar o planeta e evitar "que o cambio climático sexa unha realidade e acabe coas condicións de vida que temos".

Así, Lores comprometeuse "a seguir traballando na liña dos últimos anos para mellorar a calidade de vida na cidade" con iniciativas como "a redución do tráfico innecesario, a mellora da calidade do aire e do sistema de abastecemento de agua para evitar perdas, a mellora da iluminación para evita a contaminación lumínica, impulsar a reciclaxe e a compostaxe... Hai que cambiar certos hábitos xerados pola sociedade de consumo e que está provocando efectos negativos".

O obxectivo común é "que teñamos un planeta que dure moitos anos", algo que é "responsabilidade dos gobernantes e dos cidadáns. Os nenos son presente pero tamén futuro e que teñan as ideas moi claras nese aspecto é moi importante e quérollelo agradecer".

As propostas medioambientais dos escolares de trece colexios decoran a Alameda

Os outros oito centros participantes no proxecto foron os CEIP de Ponte Sampaio, Santo André de Xeve, San Martiño de Salcedo, Praza de Barcelos, Cabanas-Salcedo, A Carballeira e San Benito de Lérez e a EEI de Verducido.

TOMALO EN SERIO. A rapazada imaxinou, dun xeito artístico, outro mundo posible no que se empreguen máis enerxías renovables, circulen menos coches "e usemos a nosa propia enerxía" a pé ou en bicicleta; un mundo "sen lixo nos ríos, nas rías e no mar, no que se protexa aos animais, se protexa os montes e as árbores...".

No manifesto saben que é preciso reducir a acumulación de gases contaminantes ("menos CO2 e máis PO2") que provocan o cambio climático e por iso lles din aos maiores que "temos dereito a vivir con saúde, a gozar da natureaza, a sentir as estacións do ano, a pasear por ríos cheos de vida, a nadar nas praias e a gozar da nosa ría...". Os maiores teñen que tomar en serio o que está a pasar co clima, "porque queremos herdar unha casa limpa e un planeta seguro". Como di Greta Thunberg, "esgotáronsevos as excusas".

Comentarios