O mural oculto do Valle Inclán

Estudantes da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais traballan na recuperación dunha pintura oculta no palco do paraninfo do instituto pontevedrés
Fotografía histórica de Pintos que recolle o paraninfo do IES Valle Inclán no século pasado.
photo_camera Fotografía histórica de Pintos que recolle o paraninfo do IES Valle Inclán no século pasado.

"É como atopar un tesouro". O director do IES Valle Inclán confesa sentirse emocionado logo do achado no palco do paraninfo do instituto. Francisco Xosé Suárez Benito atopou en febreiro unha fotografía histórica das instalacións do centro educativo na que se aprecia un mural no palco onde hoxe hai unha parede branca. A imaxe corresponde ao fotógrafo Pintos e amosa unha pintura mural de gran formato no fondo da sala. O mural recolle unha escena marítima "que ben podería ser a partida da nao Santa María e unha segunda nao cara América ante a ollada de tres cormorán", explica Suárez Benito.

Deseguida, o centro púxose en contacto coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia a fin de que corroborasen a existencia do debuxo baixo unha capa de pintura plástica de interiores. Así naceu a colaboración entre ambas as dúas institucións para recuperar o mural oculto no instituto pontevedrés. "Parece que ser que si, que aínda está aí", indica o director, "van pouco a pouco e levará tempo", engade en referencia ao grupo de estudantes que se afanan na tarefa de recuperar a historia do Valle Inclán. Ademais de destapar a obra, resta descubrir a súa autoría. Segundo a Escola de Restauración, as investigacións iniciais sitúan a pintura nos anos 30 do pasado século. 

Generated by  IJG JPEG Library
Alumnas da Escola de Conservación e Restauración de Bens de Galicia traballan na recuperación do mural do IES Valle Inclán. DP


"Por aquí pasaron pintores como Castelao, como Sobrino, hai que analizar se pode corresponder a eles ou a outro", sostén Suárez Benito, que imaxina ao artista un século atrás pintando o cadro coma quen abre unha ventá á ría de Pontevedra e á súa historia.

"A nao Santa María, o descubrimento de América, Colón... son referencias importantes para Pontevedra", di o director. "Sería interesantísimo recuperalo, para poder apreciar a súa beleza".     

Tal e como indican desde a Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia, o alumnado que se forma en conservación e restauración de pintura, e que adica este cuatrimestre ó tratamento deste tipo de bens, desprazouse en varias ocasións ó instituto para realizar catas e verificar a existencia da pintura. Unha vez comprobada a súa presenza, establecerase un protocolo de traballo para recuperar a obra oculta baixo a pintura actual. "O IES Valle Inclán está en fase de recuperación do seu patrimonio", apunta o director do instituto. "Esta actuación vén a completar o noso traballo, queremos poñer en valor o noso centro e formar parte da rede Mupega (Museo Pedagóxico de Galicia)", engade Francisco Suárez.

Comentarios